Denuncian que os xurros poden rematar coas Veigas do río Lobás, en Calvos de Randín

Verdegaia di que, aproximadamente, 10 das 12 hectáreas están sendo destruídas co propósito de criar un depósito para os xurros procedentes da actividade gandeira.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 10/05/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A Veiga do río Lobás, na comarca da Baixa Limia leva anos sofrendo unha importante degradación dos seus sistemas naturais coa expansión da gandeiría intensiva que nos últimos tempos se está a incrementar o que acelera a degradación deste sistema.

Segundo denuncian Verdegaia,  o aumento da produción de porcino, nos últimos anos, ten levado a un forte incremento na produción de residuos, nomeadamente residuos orgánicos en estado liquido coñecidos como xurros que, sen posibilidade de tratamento in situ, "o que fai que se espalle por toda a comarca e zonas limítrofes en cantidades moi superiores ás permitidas,provocando un forte impacto ambiental".

Os ecoloxistas destacan que esta é unha zona que, polos seus valores naturais, debería ser protexida e excluída do proceso de concentración parcelaria e, así se recolle na Declaración de Impacto Ambiental da zona de Concentración Parcelaria de Castelaus-Lobás, no Concello de Calvos de Randín.

Por iso, denuncian que, a pesar disto, nos últimos meses vense realizando nesta área unha roturación con maquinaria pesada que implica a total destrución do hábitat que afecta á práctica totalidade da súa superficie, que conformaban esta zona protexida da realización de actividade agrícola. "Aproximadamente 10 das 12 hectáreas están sendo destruídas co propósito de criar un depósito para os xurros procedentes da actividade gandeira, o que levará a contaminación de augas superficiais e internas e do solo", critican nun comunicado.

Así, salientan que nesta área está un dos Hábitat da lista da DIRECTIVA 92/43/CEE do Consello, de 21 de maio de 1992. "Este hábitat, recoñécido pola administración, posúe unha grande importancia pola súa riqueza ecolóxica e polo seu papel como reservorio de Carbono en forma orgánica, tan necesario hoxe en día se temos en conta a situación de emerxencia climática que padecemos", engaden.

"Desde Verdegaia denunciamos a ilegalidade destas actuacións que provocan un severo impacto ambiental ano tras ano conducindo a unha espiral de degradación á que non se lle pon límite acabará coa destrución total desta zona". sinalan ao tempo que piden que se investigue, se identifique e sancione aos responsables

Degradación das Veigas do río Lobás en Calvos de Randín con xurros
Degradación das Veigas do río Lobás en Calvos de Randín con xurros | Fonte: Verdegaia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta