A necesidade do orgullo LGTBI

En máis de 70 países, a homosexualidade continúa a ser perseguida, e en 8 castigada incluso coa pena de morte. Por outro lado, a transexualidade continúa a ser considerada como unha patoloxía en moitos países, e entre eles, algúns dos considerados “máis avanzados”. España destaca en materia de dereitos do colectivo LGTBI, un dos poucos piares dignos de admirar da “marca España”.

Por Roberto Carro Vázquez | A Coruña | 10/07/2014

Comparte esta noticia
A diversidade sexual é unha realidade en España cada vez máis perceptible na nosa vida diaria. Ver como dous rapaces ou rapazas van da man pola rúa é algo moi natural para cada vez máis persoas. A día de hoxe, esa realidade fai xirar os pescozos de cada vez menos xente, ben por rexeitamento, ben por curiosidade ante un feito pouco común. Sexa como sexa, expresar  afecto por unha persoa do mesmo sexo podía transformarte no centro non desexado de atención, nun provocador, nun rebelde, ou para outros nunha persoa de coraxe, opinión que subscribo. Outras realidades, como é a da transexualidade, aínda están en estadios evolutivos máis temperáns debido, en gran medida, a un maior descoñecemento e ao medo ou incluso repulsión polo diferente. 
 
Os cambios en España de cara á igualdade e á non discriminación por orientación sexual foron sucedéndose ao longo dos anos, entre outras, grazas á Lei do Matrimonio Homosexual en 2005, ou máis recentemente grazas á Lei impulsada polo Parlamento andaluz de cara á regulación do dereito á autodeterminación de xénero, a chamada “Lei de transexualidade”, a cal, polo menos dende Rede EQUO Xove, esperamos ver aprobada a nivel estatal. Parece difícil, tendo en conta os últimos movementos do Partido Popular, aínda no Goberno (e non van nin 3 anos), quen levou ao Tribunal Constitucional a Lei emblema do ex-presidente Zapatero. A nivel galego, o PP de Galicia baleirou de contido a lei a favor dos dereitos do colectivo LGTBI impulsada por outros partidos, aprobando un sucedáneo e impedindo un grande avance en materia de dereitos humanos na nosa comunidade. Acaso en todos os pobos de Galicia a aceptación desta realidade é do cen por cen? Creo que todos sabemos a resposta.
 
A pesar da “privilexiada” situación de España en materia de dereitos LGTBI, estamos moi lonxe de acadar o obxectivo da completa normalidade. Distintas asociación e partidos, EQUO entre eles, seguimos traballando neste tema dende a base fundamental dunha educación cada vez máis plural, aberta e inclusiva. De todas formas, cabe parar un momento e mirar tamén máis aló das nosas fronteiras. Podemos botar unha ollada a Rusia, Uganda, Afganistán, Arabia Saudí, Mauritania, Paquistán, Sudán, Yemen ou Nixeria (entre outros). Alí pode ser incluso un crime ser homosexual ou transexual e as reivindicacións polos dereitos LGTBI son duramente reprimidas (se é que alguén se atreve a reivindicar). Cadea perpetua ou pena de morte poden ser a represalia por expresar un amor prohibido nesas poboacións, un amor tan válido como calquera, pois ningún ten máis validez que outro. Na prensa recollíanse nos últimos meses casos de homosexuais queimados vivos ou mallados por outros cidadáns que avalan as bochornosas políticas discriminatorias duns Gobernos que, claramente, teñen o norte perdido neste asunto. A discriminación e a violencia recibiu un pulo, e a igualdade e a dignidade do ser humano quedou nun segundo ou incluso terceiro plano.
 
Esta é a razón de que a celebración do Orgullo LGTBI deste ano leve por lema “manifestámonos polos que non poden”. O día 28 Galicia e moitas outras comunidades saíron á rúa para reclamar dereitos para todos nun bonito xesto de solidariedade e responsabilidade social, coa Rede EQUO Xove entre eles. Así mesmo, estivemos con EQUO en Madrid o día 5, na marcha polo orgullo LGTBI máis multitudinaria de toda Europa, que non máis importante, pois todas o son. A celebración festeira dalgúns, a extravagancia, e sobre todo a chamada de atención que supón, algo renxeantes para moitos (tamén para un servidor ata hai non tanto tempo), fanse agora máis necesarias que nunca. Realmente é unha necesidade marcar unha diferenza, dar un golpe sobre a mesa e así atraer a atención de tanta xente sobre un tema que non debe ser tabú nunca máis. Comprender isto, se ben resulta ás veces complicado para moitos, é o primeiro paso de cara a unha completa asunción dunha realidade coa que todos convivimos, da plena realidade. E para os que o noso carácter segue unha liña máis puramente reivindicativa, a manifestación tamén ten lugar para nós. E para os que queremos aprender máis sobre a cultura LGTBI, os actos do orgullo tamén teñen un lugar para nós. Moitas veces os propios medios de comunicación debúxano como un carnaval sen sentido, pero é aí onde reside a falta de realidade, pois cada persoa que acode e celebra este acto á súa maneira está contribuíndo, cando menos, a visibilizar a causa da igualdade de dereitos.
 
Así pois, dende a Rede EQUO Xove animamos a que todos abran un pouco a súa mente e se empapen dun cambio cultural que si podemos dicir con orgullo que é “marca España”. E, para moitos escépticos ou contrarios ás opinión vertidas neste artigo, lembrade que a homosexualidade/transexualidade non é unha enfermidade, a homofobia/transfobia si.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Roberto Carro Vázquez Nacín en A Coruña en 1992. Estou a finalizar o último curso do Grao en Biotecnoloxía na Universidade de León. Atópome a cabalo entre estas dúas cidades. Son membro da Rede EQUO Xove Galicia (organización política xuvenil que ten como referente a EQUO Galicia) dende setembro do 2013, e é a opinión desta organización a que aquí traslado. Ademais, colaboro en diversas tarefas de EQUO Galicia dende comezos de 2014. Ecoloxía política, dereitos humanos e democracia participativa como piares. O futuro é verde. @RQX_Galicia