Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/05/2022 | Actualizada ás 16:27
O deputado socialista Gonzalo Caballero sufriu un accidente na AP-9 o pasado sábado, tras a toma de posesión do novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pero recupérase "ben" do sinistro, segundo el mesmo ratificou, e está de alta hospitalaria.
Aínda que foi "un susto gordo", tanto el, que viaxaba só no vehículo camiño da Coruña, como os ocupantes doutro vehículo saíron polo seu propio pé. Caballero foi trasladado ao hospital para realizarlle varias probas e detectóuselle unha costela rota, pero foi dado de alta e o domingo fixo "vida normal".
O accidente produciuse ao cruzar pola autoestrada, a uns 50 metros das cabinas de peaxe, un grupo de patos, o que provocou a reacción do coche que ía diante do de Caballero e o sinistro do coche en que viaxaba o deputado, que deu varias voltas de campá, pero do que conseguiu saír polo seu propio pé.
O deputado socialista e exsecretario xeral do PSdeG recibiu varias chamadas para coñecer o seu estado, entre elas, a do presidente da Cámara, Miguel Santalices, preocupado tamén esta semana pola saúde do portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, que se recupera "favorablemente" do seu infarto sufrido durante o debate de investidura de Alfonso Rueda a semana pasada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.