Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2022 | Actualizada ás 19:31
A xunta de goberno da Deputación de Ourense ratificou a proposta do presidente provincial, Manuel Baltar, para solicitar que o Día das Letras Galegas do próximo ano se dedice ás irmás ourensás Pura e Dora Vázquez. A proposta xa fora exposta polo propio presidente durante a cerimonia de homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán, no Barco de Valdeorras, ante os representantes da Real Academia Galega e da Xunta.
Para Baltar, as mestras ourensás "teñen máis que merecido esta homenaxe" polo seu "compromiso vital, pola súa traxectoria cultural e pola calidade das súas producións", tanto como narradoras, como poetas ou como dramaturgas. Así lembrou que este mesmo venres se entrega o XVIII premio de literatura infantil e xuvenil que leva o nome de Pura e Dora Vázquez e que este ano recae no escritor Pablo Nogueira Campo pola súa novela "O clube de coleccionistas de selos".
AXUDAS PARA ACTIVIDADES
Por outra banda, a xunta de goberno aprobou as bases de dúas convocatorias de concesións de axudas para a organización de actividades culturais e recreativas; unha para entidades sen ánimo de lucro e a outra para concellos. En ambos os casos os requisitos son os mesmos: que sexan actividades que teñan como finalidade o estudo, a difusión ou a posta en valor do patrimonio cultural, material e inmaterial.
As axudas para as entidades sen ánimo de lucro terán un orzamento de 100.000 euros e achegarán como máximo o 50% do custo total de cada proxecto. Para a convocatoria dos concellos, o orzamento é de 75.000 euros, cunha axuda máxima do 50% do custo total da actividade nos municipios de máis de 5.000 habitantes e ata o 70% nos de menor poboación. O prazo para solicitar estás axudas terminará o 30 de xuño.
Así mesmo, a xunta de goberno aprobou as axudas para concellos e entidades por un valor superior a 280.000 euros para arranxos de vías, obras de acondicionamentos e proxectos de vivenda social.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.