O servizo galego de atención no fogar: coidados sostidos por mulleres explotadas

Esta prestación, en mans de empresas privadas na maior parte dos concellos, agocha unha realidade precaria para as máis de 8.000 profesionais sociosanitarias que denuncian sufrir unha situación laboral "inhumana". Galicia ten o peor gasto en atención á dependencia de todo o Estado.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As profesionais sociosanitarias do Servizo de Atención no Fogar representan as dúas caras dunha moeda habitual: elas exercen un traballo esencial de coidado ás persoas dependentes pero fano nunhas condicións laborais "indignas" que as afunden na precariedade. Trátase dunha prestación básica que a Xunta de Galicia financia a través dos concellos e que estes, á súa vez e na súa meirande parte, adxudican a grandes empresas privadas.

Protesta de SAF Galiza para reclamar melloras nas condicións laborais
Protesta de SAF Galiza para reclamar melloras nas condicións laborais | Fonte: SAF GALIZA

Son en torno a 8.000 sociosanitarias, o 97% delas mulleres, as que se encargan dos coidados de máis de 24.000 persoas en situación de dependencia ao longo de todo o país. Levan anos denunciando un proceso de privatización do servizo que só procura os beneficios dos propietarios das empresas a conta de incumprir o convenio, reducir salarios e aumentar a carga de traballo das empregadas. Os sindicatos atópanse agora inmersos na negociación de melloras salariais trala constitución da mesa xunto coa patronal hai apenas dous meses.

Entre as empresas beneficiarias repítense nomes como OHL-Servicios Ingesan SA, filial da construtora OHL fundada por Villar Mir; Clece, filial de ACS, a construtora presidida por Florentino Pérez; ou ServiSar, a plataforma de servizos sociais do grupo DomusVi, cuxa xestión da pandemia nas residencias privadas foi duramente cuestionada pola oposición e polas asociacións de familiares de residentes, que denunciaron reiteradamente a conivencia da Xunta de Galicia coa máxima responsable do grupo, Josefina Fernández. Trátase, en total, dunhas 240 empresas que concursan en todo o territorio como "mafia pura", denuncian dende a CIG.

CONDICIÓNS LABORAIS "INHUMANAS"

Na outra punta, as traballadoras sofren unha situación laboral "inhumana": acaban exhaustas dunhas xornadas laborais que se alongan da mañá á noite, non alcanzan o Salario Mínimo Interprofesional, as empresas non lles cubren os gastos de desprazamento entre un domicilio e outro, non contan con axudas técnicas que lles faciliten o traballo nin poden xubilarse ata os 67 anos, a pesar de que sofren numerosos problemas musculoesqueléticos que nin sequera están recoñecidos como enfermidades profesionais, ao igual que acontece coa Covid-19.

CC.OO. esixe protección para as mulleres embarazadas traballadoras do servizo de atención a domicilio da Xunta
CC.OO. esixe protección para as mulleres embarazadas traballadoras do servizo de atención a domicilio da Xunta | Fonte: EP

"Imos traballar dopadas de paracetamol", denuncia María José Fernández, traballadora do Concello de Piñor e membro da Plataforma SAF Galiza, á que están asociadas unhas 500 empregadas. "O noso traballo é moi físico, ao final do día acumulamos traslados de 600 ou 700 quilos", explica Fernández, que tamén critica seren tratadas como "servizo de limpeza" en moitos dos fogares, un labor que como sociosanitarias non lles corresponde. Ademais, nun sector amplamente feminizado e onde moitas delas son mulleres racializadas, son habituais os casos de acoso sexual e racismo, sen que por parte das empresas se establezan protocolos específicos contra estes abusos. 

INCUMPRIMENTOS DO CONVENIO

A prioridade dos tres sindicatos maioritarios - CIG, CC.OO e UGT - pasa pola defensa do poder adquisitivo dos cadros de persoal do servizo. A mesa de negociación coa patronal constituiuse a finais de marzo, un paso adiante que naquel momento os sindicatos cualificaron de "fito case histórico" para un sector que leva "unha década sen convenio", e que se suma ás conquistas xa logradas por medios xudiciais.

Porén, a pesar deste novo escenario, as negociacións atravesan un momento delicado, marcado polas reiteradas denuncias de incumprimentos desas cláusulas do convenio que seguen vixentes. En concreto, o artigo 7 recolle que, "negóciese ou non o convenio", as empresas pagarán o IPC real ás traballadoras, polo que deberían actualizar os salarios conforme ao 6,5% de 2021. Na actualidade, explica a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, só 4 empresas cumpren. "O resto ou non pagou, ou está a abonar a metade, 3,1%, 3,2%...", explica. "Estamos nunha situación moi fastidiada", valora.

Para Comisións Obreiras este aumento trátase dunha "liña vermella". "Ten que ser abonado antes de abordar calquera outra cuestión", explica a secretaria xeral de CCOO do Hábitat, Alejandra Gesto, que denuncia tamén a "chantaxe" aos cadros de persoal por parte das empresas que "están retendo esta suba obrigatoria". Ante as negativas da patronal, CIG tomou a decisión, baixo o lema 'o 6,5% non se negocia', de abandonar as conversas. Aposta logo por "unirse na rúa" e pon sobre a mesa a posibilidade de convocar unha folga no sector. Os tres sindicatos veñen de presentar, ademais, unha denuncia ante a Inspección de Traballo por "infracotización"

DEMANDAS DOS SINDICATOS

Máis alá desta primeira demanda, os sindicatos ven "imprescindible" dotar o sector dun novo convenio laboral que protexa os dereitos das empregadas e que recolla, entre outras medidas, unha redución da xornada laboral. "A maioría están traballando a xornada parcial, polo que pedimos reducir a xornada ordinaria, para que cobren máis e estean máis preto da xornada completa", explica Transi Fernández, que tamén demanda respectar o descanso semanal mínimo de 48 horas continuado, contabilizar correctamente o tempo efectivo de traballo e pagar ao 100% as baixas por enfermidade. "Este traballo representa a escravitude dentro desta sociedade", explica, inmerso nunha privatización da que, engade, son culpables os tres partidos políticos.

Dende Comisións Obreiras loitan por "non normalizar" esta precariedade. "Dende que a traballadora pon un pé no domicilio brillan pola súa ausencia todo tipo de leis: a laboral, a de prevención de riscos e a de intimidade, posto que moitas delas son gravadas sen consentimento", sinala Gesto. O sindicato vén de iniciar, ademais, unha campaña para esixir a protección da maternidade na atención a domicilio, dado que advirten dunha "falta de criterios homoxéneos" nas mutuas para conceder as baixas médicas por risco de embarazo. "Defendemos que se conceda ás 12 semanas, como recomenda o Instituto Nacional da Seguridade Social, pero a realidade é que adoita darse ás 24 e mesmo ás 26".

PLATAFORMA SAF GALIZA: AS TRABALLADORAS ORGANÍZANSE

A constelación de actores do sector complétase coas propias traballadoras organizadas na plataforma SAF Galiza, que naceu no ano 2019 da "indignación pública e do maltrato por parte de sindicatos, administracións e empresas" co obxectivo de unir as empregadas na loita e "facernos visibles", explica María José Fernández. Conformada xa por un total de 500 mulleres, a Plataforma conseguiu levar ata o Parlamento Europeo a denuncia da precaridade laboral sufrida polas traballadoras que, segundo explican, "foi admitida a trámite". 

Teñen representación na 'Mesa asesora para los cuidados' convocada polo Ministerio de Igualdad e tamén acumulan varias demandas presentadas ante a Valedora do Pobo. Esixen, entre outras cuestións, unha redución do coeficiente de xubilación aos 60 anos e que se lles recoñezan as súas enfermidades laborais. Denuncian uns soldos "indecentes" e reivindican o seu labor: "Nós non somos o servizo de limpeza dos concellos", sentenzan. En definitiva, loitan por dignificar un traballo esencial do que depende a saúde de moitas persoas dependentes. 

María José Fernández é traballadora no Concello de Piñor, onde o servizo está municipalizado. "A pesar diso, aquí tamén hai moitas eivas", explica. "Traballamos no rural e non temos pluses de transporte para desprazarnos dunha casa a outra. Incúmprense moitas cousas e depende do político de quenda e dos representantes sindicais que as cousas funcionen ou non", sinala María, que aínda así recoñece unha "diferenza abismal" con respecto ás condicións de traballo da empresa privada. 

ENREDO DE COMPETENCIAS

Trala realidade das traballadoras de atención ao fogar advírtese un enredo de competencias entre empresas, concellos e Xunta de Galicia sobre quen ten a responsabilidade da situación laboral destas 8.000 persoas. Dende a Consellería de Política Social indican que se trata dun "recurso de competencia municipal" que xestionan os concellos a través do sistema que consideran máis axeitado.

Sacan peito, así mesmo, dun "incremento histórico" do 24% na axuda autonómica ao servizo nesta lexislatura, co obxectivo, din, de "garantir a mellor atención posible a todos os usuarios, facilitar e animar os concellos a establecer unhas condicións de traballo dignas e estender este servizo a todas as persoas cun grao de dependencia recoñecida que o precisen". Con todo, un informe da Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais vén de confirmar que Galicia ten o peor gasto en atención á dependencia de todo o Estado

Protesta da CIG para reclamar melloras nas condicións laborais do SAF
Protesta da CIG para reclamar melloras nas condicións laborais do SAF | Fonte: CIG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta