A Xunta, líder en contratación temporal, alerta contra os "riscos psicosociais" do traballo

Vén de lanzar un seminario onlina para "prever a tensión" nos postos de traballo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2022 | Actualizada ás 12:49

Comparte esta noticia

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugurou este xoves o webinar 'Adaptación ao cambio: afrontamento ante a adversidade', unha nova xornada formativa do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), onde destacou a importancia de promover accións para previr a tensión e os riscos psicosociais en postos de traballo.

Elena Mancha Montero de Espinosa, Directora Xeral De Relacións Laborais e a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana
Elena Mancha Montero de Espinosa, Directora Xeral De Relacións Laborais e a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana | Fonte: Xunta de Galicia

Unha circunstancia rechamante tendo en conta o papel da administración autonómica na contratación temporal de sanitarios, moitos dos cales denuncian ter que estar pendentes do teléfono as 24 horas do día porque, en caso de non atender as chamadas do ente administrativo, perden a posibilidade de exercer no Servizo Galego de Saúde. 

A celebración da xornada contou coa colaboración de Fremap e busca "dar a coñecer diferentes estratexias e reflexionar sobre a importancia de enfrontar eficazmente a adversidade e, así, facer fronte á tensión e previr os riscos psicosociais". Mancha puxo o foco na creación de espazos laborais saudables e sinalou que existen estratexias "chave" para previr riscos como o fomento de actitudes favorables ao cambio e a promoción de competencias transversais para mellorar os intercambios sociais.

"A actitude ante o cambio parece ser unha das principais competencias fronte a situacións de tensións", comentou. Entre os consellos indicados atópanse o establecemento de relacións cos demais, pensamentos realistas e construtivos, a confianza nun mesmo, o desenvolvemento de metas e obxectivos, e a procura de oportunidades. "O fomento das competencias no traballo permitirá crear contornas laborais satisfactorias e saudables, o que contribuirá ao incremento da competitividade", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta