Rueda pide unha reunión a Sánchez para acelerar a instalación de Altri en Galicia

Demanda unha audiencia "o antes posible" para tratar materias pendentes entre administracións.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/05/2022 | Actualizada ás 12:26

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enviou unha carta ao xefe do Goberno central, Pedro Sánchez, con data de este 19 de maio, na que lle solicita, "o máis axiña posible", unha audiencia para establecer un primeiro contacto e abordar asuntos que considera cruciais para a Comunidade en diversos ámbitos: desde o económico ao de competencias ou infraestruturas pendentes.

Entre outras cuestións, sinala que a inflación "agravada pola Guerra de Ucraína", a crise enerxética ou as dificultades que atravesan as economías familiares "aceleraron, máis se cabe, a urxencia de desenvolver adecuadamente os asuntos e proxectos pendentes con Galicia".  Precisamente, o presidente volveu incidir este venres que espera que o xefe do Goberno central, Pedro Sánchez, responda "o máis pronto posible" á carta que lle enviou este xoves xa que trata temas "urxentes". Non explica por que Feijóo evitou trasmitilos ao Goberno durante as semanas que pasou 'de mudanza' entre Santiago e Madrid.

Nesta conxuntura, Rueda quere abordar co presidente do Goberno iniciativas que considera "estratéxicas", sendo dúas delas a planta de fibras téxtiles en Palas de Rei, impulsada pola empresa Altri; e unha planta de biogás para a xestión de xurros. Para garantir a execución destas iniciativas, Rueda reivindica que é "imprescindible" o acompañamento dos Fondos Next Generation e o seu "encaixe" nos criterios establecidos nos Pertes presentados polo Goberno, ou no marco doutros apoios a proxectos tractores. Precisamente, a fábrica lusa xa apuntou que non movería un dedo sen antes contar con polo menos 200 millóns de euros públicos.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, antes do Consello.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, antes do Consello.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

REUNIÓN BUGALLO

Precisamente, na mesma xornada o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, vén de anunciar que remitirá unha carta ao novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para pedirlle unha entrevista na que abordar asuntos como os fondos polo estatuto de capitalidade.

Así o destacou este venres en rolda de prensa, na que se referiu a a aprobación no Consello da Xunta do convenio polo que a Administración autonómica destina 2,39 millóns de euros ao Concello de Santiago para facer fronte aos gastos derivados da súa condición de capital. A partida é a mesma que a do ano 2021.

"Que nos dean diñeiro nunca é unha mala noticia, outra cuestión é que nos gustaría ter máis", explicou o rexedor nunha comparecencia ante os medios na que destacou que espera abordar este asunto, xunto con outros temas "pendentes" como o Parque de Bombeiros da cidade, nunha reunión co novo presidente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta