Primeiro caso sospeitoso de varíola do mono en Galicia

A mostra tomada por proba PCR será analizada no Instituto de Salud Carlos III de Madrid.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/05/2022 | Actualizada ás 17:34

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade informou de que se detectou o primeiro caso sospeitoso da coñecida como 'varíola do mono', cuxa mostra tomada por proba PCR será analizada polo Instituto de Salud Carlos III de Madrid.

Varíola do mono
Varíola do mono | Fonte: AXENCIA DE SEGURIDADE SANITARIA DO REINO UNIDO - Europa Press.

Sanidade explica que se trata dunha persoa que "non está hospitalizada" e que presenta unha clínica compatible coa definición distribuída pola Dirección Xeral de Saúde Pública, á espera de recibir o protocolo definitivo do Ministerio de Sanidade.

Precisamente, o departamento que dirixe Julio García Comesaña vén de activar un protocolo para que todos os profesionais sanitarios de Galicia teñan "claros os criterios" para identificar posibles casos de varíola do mono.

O caso sospeitoso detectado este venres foi remitido ao Centro de coordinación de alertas e emerxencias sanitarias do Goberno central. Desde que se recibiu a alerta internacional, o martes pola tarde, Galicia está vixiante para poder identificar e confirmar, por medio da proba PCR, os posibles casos sospeitosos que se detecten.

Así, remitiuse aos centros asistenciais galegos, como os servizos de urxencias, o 061 e os centros de atención primaria un primeiro protocolo elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, para que calquera sanitario poida coñecer os criterios para incluír un caso nesta alerta sanitaria, como o propio conselleiro de Sanidade confirmou.

"Evidentemente, á vista da situación que se está producindo en Madrid con eses casos confirmados e ese alto número de casos sospeitosos, estamos alerta para cando aquí algún caso entre nesa definición, poder canto antes identificalo, confirmalo, que é unha cuestión tamén importante a confirmación mediante PCR e remitindo as probas ao Instituto Carlos III", afirmou o conselleiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta