O día a día do rei en Sanxenxo: barcos, división política e poucas preguntas sobre a fraude fiscal

Juan Carlos I segue a gozar dunha "moi boa" viaxe que divide a vila pontevedresa entre os afíns ao monarca e os críticos coa súa visita. O rei déixase levar polas ondas da Ría de Pontevedra sen dar unha soa explicación sobre os delitos que o levaron ao exilio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2022 | Actualizada ás 11:27

Comparte esta noticia

Segundo día do rei retornado en Sanxenxo. Juan Carlos I saíu a navegar no 'Bribón', pero non puido competir por mor da suspensión da proba de regata prevista para este sábado, que foi adiada de forma indefinida por falta de tempo. Igualmente, o rei manifestou ao seu regreso que está a ter unha "boa, moi boa" estadía en Sanxenxo, sen facer máis declaracións ante os medios que esta parca concesión. 

O Rei Juan Carlos e Pedro Campos nunha embarcación auxiliar durante a 3ª Regata do IV Circuíto Copa de España 2022 clase 6m de vela, a 20 de maio de 2022, en Sanxenxo, Pontevedra, Galicia (España).. Raúl Terrel - Europa Press
O Rei Juan Carlos e Pedro Campos nunha embarcación auxiliar durante a 3ª Regata do IV Circuíto Copa de España 2022 clase 6m de vela, a 20 de maio de 2022, en Sanxenxo, Pontevedra, Galicia (España).. Raúl Terrel - Europa Press

Ben é certo que ao atoparse cos xornalistas que dende hai días multiplican a poboación da localidade o emérito permitiuse facer algunha brincadeira á prensa, chanceando a unha xornalista con subir a ventanilla do coche e quedarlle co micrófono dentro --moi ao estilo do Charly García dos neboentos anos 2000--. Iso si, o emérito, que hai dez anos pediu reiteradas desculpas por ter cazado un elefante en plena crise económica, non tivo unha palabra para a fraude fiscal que até non hai moito investigou a Fiscalía. As mesmas verbas que as do Goberno cando lle preguntan canto está a costar o dispositivo policial que protexe o monarca do común dos mortais: cero.

A xornada de Juan Carlos arrincou tarde. Pasadas as 10,30 horas da mañá, o monarca saía da vivenda que o seu amigo e presidente do Club Náutico de Sanxenxo, Pedro Campos, ten na zona de Nanín e na que se aloxa durante este fin de semana. Á saída da vivenda, o vehículo parouse no cruce onde se atopan os medios de comunicación e o emérito agradeceulles o seu traballo: "Moitas grazas polo que facedes", asegurando ademais que se atopa "moi ben". Pouco antes das 11,00 horas, Don Juan Carlos chegaba ás inmediacións do Club Náutico da localidade, accedendo directamente e en coche ao pantalán no que permanecían atracadas as embarcacións. Polo camiño foi saudando aos xornalistas por alí reunidos e a algúns participantes na regata.

Minutos despois, o presidente do Club e amigo do monarca, Pedro Campos, chegaba ao espigón a pé, momento no que confirmaba aos medios de comunicación alí reunidos que "a idea é que Don Juan Carlos navegue hoxe". Pero a segunda xornada das regatas tivo que ser suspendida debido ás condicións meteorolóxicas, principalmente por falta de vento na ría de Pontevedra. Aínda que estaba previsto que a regata se reiniciase minutos despois das 16,30, segundo as estimacións do Club Náutico de Sanxenxo, sobre as 17,00 decidiron suspendela, polo menos para este sábado.

Ante estas circunstancias, Juan Carlos decidiu ir até Pontevedra, onde se disputa o partido de balonmán entre o Cisne e o Barça B, no que o conxunto pontevedrés xoga o ascenso á liga Asobal, máxima categoría de balonmán, segundo confirmaron a Europa Press fontes do Cisne. No club catalán xoga o seu neto Pablo Urdangarín. Así, o pavillón está xa esperando a chegada do rei emérito, ao que se lle reservou un lugar debaixo do palco de autoridades, un lugar accesible para don Juan Carlos I.

O Rei Juan Carlos desembarca con axuda tras gozar da 3ª Regata do IV Circuíto Copa de España 2022 clase 6m de vela, a 20 de maio de 2022, en Sanxenxo, Pontevedra, Galicia (España).. Raúl Terrel - Europa Press
O Rei Juan Carlos desembarca con axuda tras gozar da 3ª Regata do IV Circuíto Copa de España 2022 clase 6m de vela, a 20 de maio de 2022, en Sanxenxo, Pontevedra, Galicia (España).. Raúl Terrel - Europa Press

O rei fuxido polas súas contas con Facenda sentou na bancada nun lugar ben visible, debaixo do palco, e desde alí seguiu moi atento o enfrontamento no que o fillo da infanta Cristina e Iñaki Urdangarín xogou boa parte do tempo. Á esquerda do emérito sentou Campos, mentres que á súa dereita estaba o seu parente Pedro de Borbón-Dos Sicilias. O rei tivo un breve encontro co neto ao rematar o partido. 

MANIFESTACIÓN

Un día máis, veciños e turistas --así como algúns tripulantes doutros equipos-- achegáronse ao espigón para seguir ao emérito. Aínda que a mañá foi máis tranquila que as anteriores, algún veciño coreou 'Viva o Rei' mentres este embarcaba no 'Bribón' e ao acceder ás propias inmediacións do Club.

Este sábado, con todo, o foco estivo nas críticas a Don Juan Carlos, ejemplificadas na concentración convocada por Galiza Nova. Varias decenas de persoas manifestáronse, convocadas polo BNG e a súa organización xuvenil, Galiza Nova, contra a presenza do emérito na localidade pontevedresa.

Esta protesta, segundo explicou aos medios o deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, trata de mostrar a oposición dos nacionalistas non só á presenza do ex xefe de Estado, senón tamén á monarquía do "réxime do 78" e a "corrupción institucionalizada" na Casa Real. "Un acto simbólico para deixar claro que desde o noso punto de vista o Borbón fuxido non é benvido en Galicia, porque representa todos os valores que rexeitamos", esgrimiu Rego, acompañado da vicepresidenta segunda do Parlamento galego, Montse Prado.

Na protesta, convocada na Praza de Portugal de Sanxenxo, os participantes portaron bandeiras da España republicana e 'estreleiras', así como pancartas coas lemas 'Galiza non ten rei' e 'Galiza contra a monarquía española'. Os manifestantes corearon diversas consignas como "Os Borbóns, son uns ladróns!", "Rei Juan Carlos, grazas por roubarnos!" e "Non estamos todos, falta Corinna!".

Algúns viandantes pararon xunto á protesta para contrarrestala con insultos e cánticos a favor do emérito: "Viva o rei e viva España!"
. Mesmo, algúns dos coches que pasaron pola estrada parábanse a tocar a bucina en sinal de desaprobación.

CRÍTICAS DE ANA PONTÓN

Na mesma xornada, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou o "bochorno democrático" pola visita de Juan Carlos I a España, coa primeira parada en Sanxenxo, e insistiu en que as institucións non están "para blanquear" e que habería que abrir unha comisión de investigación no Congreso dos Deputados para aclarar o "caso de corrupción" ao que se vinculou á Casa Real.

"Temos moi claro que a monarquía é unha institución anacrónica, antidemocrática e, a Casa Real española, se por algo se caracterizou, é por estar envolvida en escándalos e unha institución claramente vinculada con casos de corrupción", manifestou Pontón, en declaracións aos medios en Lalín.

Manifestación do BNG e Galiza Nova contra a presenza do rei emérito en Sanxenxo (Pontevedra).
Manifestación do BNG e Galiza Nova contra a presenza do rei emérito en Sanxenxo (Pontevedra).
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta