Rueda responderá sobre os seus plans de apoio ao galego na sesión de control do Parlamento

Terá lugar o martes. Un día antes, Feijóo dará o salto definitivo a Madrid ao ser designado Senador.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2022 | Actualizada ás 11:33

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia nomeará este martes ao líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, e ao seu vicesecretario de Organización, Miguel Tellado, senadores por designación autonómica. Xa o mércores, o novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, someterase ás preguntas dos portavoces de BNG e PSdeG, Ana Pontón e Luís Álvarez, na súa primeira sesión de control.

En concreto, segundo avanzaron os portavoces dos tres grupos parlamentarios ao finalizar a Xunta de Portavoces do pasado mércores, o pleno arrincará o martes cunha sesión extraordinaria --xusto antes de celebrarse a ordinaria-- ás 16,00 horas coa designación dos dous senadores, que será a través de papeleta e en urna.

Así, os deputados poderán optar por apoiar ou non a candidatura de Tellado e Feijóo --que aínda non foi rexistrada na Cámara--, sen que poidan votar en contra: só absterse ou votar nulo. Tanto a viceportavoz parlamentaria do, BNG Olalla Rodil, como o portavoz socialista, Luís Álvarez, avanzaron que non avalarán estes nomeamentos.

Rodil acusou aos populares de facer un "uso partidista das institucións", dado que os senadores por designación autonómica teñen "a responsabilidade e a obrigación" de defender os intereses de Galicia nas Cortes, "non para aforrar un par de salarios ao PP, que é o que van facer".

Nesta mesma liña, Álvarez dixo que esta elección "obedece a unha necesidade de encaixe orgánico a nivel estatal" para que Feijóo e Tellado teñan "un posto" no Senado. No caso do líder do PP, é a forma de poder ter unha 'cara a cara' co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, polo menos unha vez ao mes.

PRIMEIRA SESIÓN DE CONTROL DE RUEDA

Xa o mércores, o presidente da Xunta someterase ás preguntas da oposición na súa primeira sesión de control desde que tomou posesión o sábado 14 de maio. En concreto, a líder do BNG, Ana Pontón, interpelarao sobre a súa política lingüística para evitar que o galego "siga perdendo falantes", tal e como avanzou a viceportavoz parlamentaria dos nacionalistas, Olalla Rodil.

De feito, Rodil lembrou que, en 2009, o agora presidente da Xunta --cando estaba na oposición, como secretario xeral do PPdeG-- manifestouse coa plataforma Galicia Bilingüe en contra do que consideraba unha "imposición lingüística" no ensino por parte do entón goberno bipartito de PSdeG e BNG.

Mentres tanto, o portavoz parlamentario socialista, Luís Álvarez, preguntará ao novo presidente sobre as medidas que vai adoptar ante a actual crise de prezos, para así coñecer "cal é o estilo Roda" e se vai haber "un cambio de tendencia á ausencia de medidas reais e efectivas".

Alfonso Rueda intervén na última sesión do debate de investidura
Alfonso Rueda intervén na última sesión do debate de investidura | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta