Oleiros volve ser o municipio máis rico de Galicia

Está entre os 25 de maior renda no Estado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/05/2022 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

O concello coruñés de Oleiros volve ser, un ano máis, o municipio de máis de 20.000 habitantes con maior renda por habitante, e sitúase entre os 25 máis ricos do Estado. Así o evidencian os datos da estatística de indicadores urbanos feita pública este luns polo Instituto Nacional de Estatística e, segundo a cal, o municipio máis rico do Estado é Pozuelo de Alarcón, cunha renda media por habitante de 26.367 euros.

No caso de Galicia, Oleiros é o municipio con máis renda por habitante, 16.447 euros e, ademais, é o número 23 do ranking español. Na lista de 50 municipios con maior renda per cápita están outros dous galegos, Santiago de Compostela, con 14.636 euros por habitante, e A Coruña, con 14.536 euros.

Pola contra, a comunidade galega non conta con ningún municipio entre os 50 con menor renda por habitante de España. Os que teñen menos ingresos, segundo o INE, son Lalín, con 10.318 euros; Marín, con 10.683 euros e Carballo, con 10.853.

Se se teñen en conta as 'áreas urbanas funcionais' --áreas metropolitanas de influencia--, é A Coruña a que lidera o ranking galego, en décima posición nacional, con 13.955 euros por habitante e ano.

SANTIAGO, MENOR TAXA DE PARO

En canto ás taxas de paro nas cidades españolas, Santiago de Compostela figura entre as 15 con menor índice a nivel nacional e é a que presenta mellores datos a nivel galego. En concreto, reflicte o INE, ten unha taxa de paro do 9,9, o que a sitúa no posto 12 das urbes españolas con menor índice de Paro. Pouco por baixo --posto 14-- está Lugo, cun 10,3. No outro lado da táboa, as cidades galegas con maior taxa de paro son Ferrol --14,9-- e Vigo --14,83--, ambas moi lonxe da pinza do 30,9 ao 24,3 de taxa de paro das 15 cidades españolas con maior índice.

Ferrol, pola súa banda, lidera a lista a nivel nacional de cidades con menor taxa de actividade, cun 49,9, un 'top ten' no que tamén entra Ourense, co 51,7. O ranking de cidades con maior taxa de actividade non teñen a ningunha galega entre as 15 primeiras. Por tipoloxía de emprego, a área urbana funcional de Vigo é a que presenta uns mellores datos en proporción de emprego na industria, o 19,1% --a sétima a nivel nacional--.

Estatua do Ché Guevara en Oleiros
Estatua do Ché Guevara en Oleiros | Fonte: Wikipedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta