Paula Prado di que traballará para "manter o legado de Feijóo"

"Loxicamente haberá cousas que me gustará ir implantando",di a nova secretaria xeral do PP galego.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 23/05/2022 | Actualizada ás 15:15

Comparte esta noticia

A recentemente elixida secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, manifestou que o seu labor como número dous de Alfonso Rueda buscará preservar o "legado" do expresidente da Xunta e do partido, Alberto Núñez Feijóo, pero ao tempo dixo que "implantará" algunhas "cousas".

Paula Prado
Paula Prado | Fonte: PPdeG.

"O meu estilo coñécese, porque levo desde 2009 na cámara e xa exercín como portavoz", manifestou Prado, a preguntas dos medios sobre como afrontará esta nova etapa nun partido no que, como lembrou, xa exerceu cando precisamente o actual presidente da Xunta era secretario xeral do PP galego.

Paula Prado é unha das deputadas máis experimentadas do seu grupo, cunha carreira política que se viu ensombrecida cando tivo que dimitir por verse salpicada nas investigacións da 'Operación Pokemon', dilixencias que foron arquivadas. De feito, a dirixente popular, que chegou ser senadora neste período desde 2009, volveu ás listas autonómicas do PP dirixido por Feijóo, que lle devolveu, así, á primeira liña política que deixou por esa investigación.

"Tentarei ser o máis natural", defendeu Paula Prado. A súa idea é "manter o legado do presidente Feijóo, que deu magníficos resultados" e manter tamén as estruturas a nivel local e provincial, con equipos "útiles" en gobernos de diferentes administracións. "Iso funcionou e loxicamente haberá cousas que me gustará ir implantando", apuntou.

"Cada un ten o seu estilo, cada un porá o seu estilo de forma natural. Non hai que impostar nin adestrar, isto non é unha obra de teatro no que teño un papel ou outro", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta