Galicia comeza a superar lentamente o "boom" dos contaxios covid tras a nova normalidade

A taxa de positividade descende a un 19% tras detectarse 768 contaxios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2022 | Actualizada ás 11:02

Comparte esta noticia

Os pacientes hospitalizados pola Covid-19 en Galicia descenden a 602, que supoñen 39 menos que os rexistrados no inicio desta semana; mentres que os casos activos sitúanse en 9.573, que implican case medio milleiro menos, tras detectarse 768 contaxios. Pola súa banda, a taxa de positividade redúcese a un 19,26 por cento en Galicia.

Segundo os datos actualizados este martes pola Consellería de Sanidade, con rexistros ata as 18,00 horas do luns, recollidos por Europa Press, ascenden a 28 as persoas hospitalizadas en UCI pola Covid-19 en Galicia --oito máis-- e descenden a 574 as ingresadas en unidades convencionais --47 menos--, mentres que 8.971 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio. O pasado martes, 17 de maio, había 695 hospitalizados, 26 deles en UCI.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en seis das sete, e só aumenta lixeiramente na de Pontevedra e O Salnés, na que soben a tres os críticos --dous máis--, mentres descenden a 66 os doutras unidades --un menos--. O maior descenso de pacientes ingresados corresponde á área de Vigo, na que aínda que seguen tres pacientes Covid en UCI, baixan a 82 os ingresados noutras unidades --14 menos--.

No caso da de Ourense, aumentan a tres os hospitalizados en UCI --dous máis-- e descenden a 84 os doutras unidades --11 menos--; mentres que na de Lugo hai un en críticos e baixan a 41 os doutras unidades --sete menos--. Na área de Ferrol mantense un ingresado en UCI e baixan a 41 os hospitalizados noutras unidades --seis menos--; mentres que na de Santiago e Barbanza seguen catro en críticos e descenden a 105 os doutras unidades --dous menos--. Pola súa banda, na área da Coruña e Cee aumentan a 13 os pacientes Covid en UCI --catro máis--, pero baixan a 155 os doutras unidades --seis menos--.

MENOS CASOS ACTIVOS

Os casos activos de Covid-19 seguen en descenso desde o fin de semana pasado e sitúanse en 9.573, que supoñen 493 menos que os rexistrados no inicio desta semana, ao haber máis altas (1.259) que contaxios (768), ao que se engaden varios falecementos. O martes 17 de maio había 12.398 infeccións activas.

UCI do Hospital Clínico de Santiago / Ana Varela - SERGAS.   / Europa Press
UCI do Hospital Clínico de Santiago / Ana Varela - SERGAS. / Europa Press

O descenso de casos é xeneralizado no sete áreas sanitarias galegas, coa de Santiago e Barbanza á cabeza (-102), seguida da de Ourense (-81), A Coruña-Cee e Pontevedra-O Salnés (-66 cada unha), Lugo (-59), Ferrol (-55) e Vigo (-52). Así, con máis infeccións activas mantense a área da Coruña e Cee, con 2.131, mentres que o resto sitúanse por baixo dos 2.000: Vigo, con1.792; Santiago e Barbanza, con 1.553; Ourense, con 1.247; Lugo, con 1.092; Pontevedra e O Salnés, con 1.072; e á cola segue a de Ferrol, a única por baixo do milleiro, con 676.

MÁIS CONTAXIOS

Os novos contaxios de Covid-19 increméntanse ata os 768 este martes, tras comezar esta semana con 495 novos casos abertos nas últimas 24 horas. Co novo protocolo xa non se contabilizan os autotest positivos e non se fan probas de diagnóstico a poboación en xeral, salvo á vulnerable. O martes 17 de maio rexistráronse 927.

En canto á taxa de positividade --número de PCR positivas por cada 100 realizadas-- descende ao 19,26 por cento, tras comezar esta semana no 29,84%. Así, mantense por encima do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

FALECIDOS

As vítimas da pandemia da Covid-19 en Galicia ascenden a 3.480, tras notificar a Consellería de Sanidade este martes outro tres óbitos de pacientes con patoloxías previas. En concreto, Sanidade comunicou que o pasado 21 de maio morreron dous homes de 87 e 88 anos de idade na área sanitaria de Vigo e unha muller de 93 na de Ferrol.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta