Galicia celebra os seus sete parques naturais no Día Europeo dedicado a estes espazos

A Xunta valora a "gran variedade natural e paisaxística" do país.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 24/05/2022 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

A Xunta valorou este martes a "gran variedade natural e paisaxística" dos sete parques naturais galegos que, afirma, atraen cada ano a miles de visitantes. No marco do Día Europeo dos Parques, cuxo lema este ano é 'Somos natureza: repensar, restaurar, reconectar', a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou este martes nas Fragas do Eume nunha xornada de convivencia dirixida aos máis dun cento de axentes, peóns e outros traballadores que prestan os seus servizos no seis parques naturais e no Parque Nacional.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, nunha visita nas Fragas do Eume
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, nunha visita nas Fragas do Eume | Fonte: Xunta de Galicia.

Vázquez destacou o patrimonio ambiental "de incalculable valor que atesoura Galicia", "rica en natureza" e que ten nos seus sete parques "a súa mellor carta de presentación en España e en Europa".

Así mesmo, argumentou que este é un bo momento para reflexionar e pór en valor a riqueza dos recursos naturais e buscar un contacto máis directo con eles. Por iso, convidou á cidadanía a "conectar coa natureza".

Con este obxectivo, a Consellería expresou que este ano impulsou a campaña '7 días, 7 parques', unha iniciativa promocional presentada en Fitur, que pretende "animar a explorar e coñecer cada un dos  parques naturais galegos --O Invernadeiro, Serra da Enciña da Lastra, Baixa Limia-Serra do Xurés, Monte Aloia, complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán e Fragas do Eume--, así como o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Ademais, Vázquez reivindicou o papel da administración autonómica na preservación, protección e divulgación destes espazos e avanzou que a Xunta sumará aos "case cinco millóns de euros destinados entre 2020 e 2021, 1,4 millóns de euros" da orde de axudas xa convocadas dirixida a concellos, particulares e entidades para a execución de actuacións que contribúan á mellora e conservación destas zonas.

Nesta mesma liña, tamén puxo en valor a oportunidade que ofrecen os case sete millóns de fondos europeos que se destinarán a executar proxectos en todos os parques.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta