Rueda defende a súa participación nas marchas de Gloria Lago en 2009: "creo no bilinguismo cordial"

O presidente da Xunta acusa ao BNG de procurar o "monolingüismo" en Galicia nun debate parlamentario co galego como centro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2022 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, estreouse este mércores na súa primeira sesión de control por parte da oposición defendendo o "bilingüismo cordial" fronte a un BNG que reparte "carnés de bos e malos" galegos, despois de que a líder dos nacionalistas galegos lle lembrara a súa presenza no ano 2009 na sonada manifestación de Galicia Bilingüe en Santiago.

"A min non me fai falta mostrar ningunha foto para dicir unha cousa: eu e o Goberno galego concibimos o galego nunca como un elemento de confrontación, nunca como un elemento de división e menos como escusa para dar carnés de bos e malos galegos, que é para o que vostedes utilizan o galego", manifestou o máximo mandatario autonómico no seu primeiro careo coa líder do Bloque, Ana Pontón.

Na sesión na portavoz nacional do BNG contrapuxo a foto na que Rueda participaba en 2009, cando o PPdeG estaba na oposición, nunha manifestación de Galicia Bilingüe con outra dunha marcha organizada por Queremos Galego en defensa do idioma, Rueda criticou que o Bloque considere "un problema" que en Galicia haxa dúas linguas e que se utilicen "con total liberdade e cordialidade".

"Nós vemos niso unha riqueza á que non imos renunciar, por moito que vostedes se empeñen nun extremo en impor un monolingüismo e, desde outro extremo, en impor outro monolingüismo. Os extremos ao final parécense bastante máis do que a vostedes lles parece", dixo Rueda.

A iso Pontón replicou referíndose a a presenza de Rueda na manifestación de Galicia Bilingüe para sinalar que nesa xornada "os extremos empezaron a tocarse". "Os sectores máis reaccionarios anticipando o que vemos agora, os pactos do Partido Popular coa extrema dereita", dixo.

UN PLENO CENTRADO NA LINGUA

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, responde as preguntas dos grupos no pleno da Cámara galega. DAVID CABEZÓN @ XUNTA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, responde as preguntas dos grupos no pleno da Cámara galega. DAVID CABEZÓN @ XUNTA | Fonte: Europa Press

No primeiro careo entre ambos os dirixentes políticos nunha sesión de control, o presidente da Xunta destacou que "hoxe falan galego máis persoas que fai cinco anos". "A vostede non lle interesa que isto se faga público pero é a verdade, se lle vale o IGE a vostede, tamén lle valerá cos datos que lle dou eu e que din que é a primeira vez desde que hai estatísticas que se incrementa o número de falantes", sinalou.

Nesta liña, asegurou que o "75% da poboación usa o galego a diario", o que supón "tres puntos máis" que na última enquisa; así como que "a porcentaxe de xente nova que fala en galego están a incrementarse". "Vou seguir defendendo un modelo de convivencia lingüística, harmónica e cordial, como queren a maioría dos galegos", subliñou.

En fronte, a portavoz nacional do BNG denunciou que o galego é o único idioma de todo o Estado que perde falantes e que, tras trece anos do "decreto da vergoña", estase ante a "xeración que menos galego fala".

Así, asegurou que tanto o IGE como a Real Academia Galega (RAG) alertan da escola como un "axente desgaleguizador". "Os nenos e nenas entran na escola falando galego e saen falando castelán". Ademais, entre outros datos, sinalou que un 23,9% dos nenos entre cinco e os 14 anos non saben expresarse en galego e que o 30% non sabe escribilo.

Con estas cifras, indicou, "quero dicir alto e claro neste Parlamento que o PP lle está negando ás novas xeracións a posibilidade de falar en galego". "Está a roubarlle ás novas xeracións a liberdade de falar en galego cunha política", apuntou.

Tras acusar ao PP de incumprir o Estatuto de autonomía, a Lei de Normalización Lingüística e o plan de normalización aprobado por unanimidade no 2004 no Parlamento, así como a Carta Europea das Linguas, Ana Pontón asegurou que un goberno do BNG derrogaría o "decreto da vergoña" para converter o galego na lingua vehicular da educación, de tal forma que se garanta a igualdade lingüística.

Ademais, propuxo a creación dunha canle específica na TVG con contidos en galego para o público infantil e xuvenil; así como a posta en marcha do Instituto Rosalía de Castro para promover a lingua e a cultura galega por todo o mundo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Xian do Sil

Muy bien por el señor Rueda.

2 uu1

Seguindo com o IGE só o 26% dos menores de 15 anos declaram falar “só galego” ou “mais a galego que castelhano”, o castelhano goleia por 74 a 26. O Rueda começa moi mal, o pior e que ele sabe todos isto, é um demagogo.

1 uu1

Pois se crê no “bilinguismo cordial” que fazia numa manifestação onde se reclamava o direito de discriminar, menosprezar, ignorar e desconhecer o galego. Começa bem fazendo demagogia e mentindo "75% da poboación usa o galego a diario" que mostre de onte saca os datos http://www.ige.eu/igebdt/esqv.jsp?r...[12];1[all];0[all]&C=2[0];3[all]&F=&S=&SCF= O 25% declara falar só castelhano, mais outro 25% declara mais castelhano que galego, e este 50% de seguro que não utiliza o galego todos os dias