Suspenden a entrada en prisión do sindicalista López Pintos, condenado por atentado á autoridade

Os sindicatos reclaman a absolución do histórico sindicalista, que non terá que ingresar no cárcere se non delinque en dous anos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2022 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial da Coruña suspendeu a execución da pena privativa de liberdade contra o sindicalista Xesús Anxo López Pintos, condenado a seis meses e un día de cárcere por atentado á autoridade durante unha protesta en 2012 fronte a un hotel onde o PP celebraba un acto electoral.

O secretario comarcal do sindicato CIG en Ferrol, Manel Grandal, deu a coñecer o contido do auto da Sección 2 da Audiencia Provincial, que deixa en suspenso a execución da condena por un período de dous anos coa condición de que López Pintos non cometa un delito durante ese tempo.

Estas manifestacións realizounas na mañá deste mércores na sede do sindicato en Ferrol, onde estivo acompañado do secretario de Organización de CCOO en Ferrol, Santiago Díaz, e Xaquín García Sinde, pola CXT.

López Pintos foi condenado en outubro de 2020 por este tribunal a seis meses e un día de cárcere tras uns altercados que se produciron no ano 2012 nos arredores dun hotel de Ferrol no que o Partido Popular realizaba unha pegada de carteis en vésperas dunhas eleccións autonómicas. Alí, o representante sindical foi detido por axentes da Policía Nacional.

O militante da CIG tiña unha condena anterior por un conflito entre mariscadores de Mugardos, do ano 2001, e sumadas ambas, debería de entrar en prisión.

PETICIÓN DE INDULTO

Manel Grandal detallou que a suspensión da execución da pena imposta "non vai motivar a paralización da petición de indulto". Así, detallou que "este é un paso importante no obxectivo inmediato de evitar a súa entrada en prisión", pero que a campaña a favor do indulto e as mobilizacións continuarán. "O que queremos é xustiza para Pintos, que se lle retire a condena", remarcou.

Deste xeito, anunciaron que continuarán coa recollida de firmas en apoio á solicitude de indulto, "porque o obxectivo é que o poder executivo retire na súa totalidade a condena". Ademais, tamén se mantén a convocatoria da manifestación do próximo martes, 31 de maio, baixo o lema 'Xustiza para Pintos. Derrogación da Lei Mordaza', que partirá ás 20,00 horas ante o edificio administrativo da Xunta en Ferrol.

O secretario comarcal da CIG en Ferrol tamén detallou que "ante un novo escenario, a presentación formal da solicitude de indulto farase na primeira quincena de outubro, para lograr o maior número de apoios" e que seguen á espera "de concretar unha data de reunión coa ministra de Xustiza e co delegado do Goberno en Galicia".

"Estamos ante unha resolución xudicial, pero falta a formulación política deste conflito, unha lei que pon a acción sindical no alto risco penal e que busca criminalizar a mobilización social", remarcou Díaz, quen apelou a "continuar con esta campaña porque falta un pronunciamento do poder político, do Goberno, que é o indulto".

Por último, Xaquín García Sinde incidiu en que "isto non vai só de que o compañeiro Pintos non entre en prisión, senón en dilucidar se houbo ou non delito". "Nós entendemos que non o houbo", apostilou.

Concentración con motivo do xuízo na Coruña ao exsecretario de CIG en Ferrol Xesús Anxo López Pintos.. CIG
Concentración con motivo do xuízo na Coruña ao exsecretario de CIG en Ferrol Xesús Anxo López Pintos.. CIG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta