Denuncian ante o Congreso que a Lei do Audiovisual "invisibiliza" as linguas do Estado

A Mesa e outras organizacións veñen de concentrarse en Madrid para recordar que esta norma "non responde á igualdade entre a cidadanía", e que "a presenza de linguas distintas do castelán será testemuñal". O BNG votará 'non'.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2022 | Actualizada ás 12:25

Comparte esta noticia

Representantes das principais entidades que traballan a prol das linguas minorizadas galega (A MESA), vasca (Euskalgintzaren Kontseilua), catalá (Plataforma per la Llengua, Ómnium, ACPV, Escola Valenciana e FOLC) e asturiana (Iniciativa Pol Asturianu) concentráronse na mañá deste xoves diante do Congreso dos Diputados antes do inicio do debate da Lei xeral audiovisual, porque, entenden, "a norma que se pretende aprobar non vai dar máis que pequenos pasos que non garanten a igualdade lingüística".

As entidades polas linguas do Estado denuncian ante o Congreso dos Deputados que coa nova Lei do Audiovisual 'se perdeu unha oportunidade cara á igualdade'
As entidades polas linguas do Estado denuncian ante o Congreso dos Deputados que coa nova Lei do Audiovisual 'se perdeu unha oportunidade cara á igualdade' | Fonte: A MESA

Unha vez comezada a concentración, tomaron a palabra representantes de diferentes entidades, entre eles, o presidente da Mesa, Marcos Maceira. Así, denunciaron que se trata dunha lei que non responde á realidade lingüística existente no Estado: "Debemos ter en conta que esta lei é unha transposición da directiva da Unión Europea precisamente para dar cabida á produción europea. Deste xeito, fuxiuse da realidade lingüística europea, dando unha presenza indigna ás linguas propias do Estado. Coidamos sinceramente que se perdeu unha oportunidade para a igualdade, e que a lei invisibilizará as nosas linguas nas pantallas. É máis, perpetuarase a vulneración de dereitos", afirmaron.

As entidades tamén fixeron referencia ao proceso de elaboración da lei, no que, denuncian, se fixeron "ouvidos xordos" ás peticións dos axentes sociais, que mantiveron unha "actitude proactiva" para achegar propostas concretas e demostrar a existencia dunha "demanda social". Así, indican, "se ben a presión política e social foi determinante para incluír mínimos para todas as linguas tanto nas cotas de catálogo das plataformas e retransmisións de TVE, como no financiamento antecipado, as mudanzas introducidas son claramente insuficientes e testemuñais ao representaren entre o 0,35% e o 2,55% do conxunto". 

E é que, tal e como afirmaron as entidades, a lexislación xeral audiovisual só estabeleceu porcentaxes obrigatorias de contidos mínimos e financiamento para o español, sen ningunha indicación nin recoñecemento para outras linguas existentes no Estado español "fóra da retórica baleira". "Isto impide que crianzas, mocidade y o público en xeral poidan gozar na súa lingua da ampla oferta dispoñible de programas de televisión, series e filmes", sinalan.

Para finalizar, os axentes a favor das linguas minorizadas quixeron reiterar o seu compromiso de seguir traballando: "É certo que nesta ocasión non se cumpriron os obxectivos previstos e que aprobarán unha lei que invisibiliza a presenza das nosas linguas. Porén, continuaremos a traballar para crear as condicións adecuadas para vivirmos nas nosas linguas e gañaren  espazos, entre eles as pantallas", subliñaron.

O BNG REXEITA A LEI

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexeitou tamén a nova Lei do Audiovisual debido a que, ao seu xuízo, "non garante a presenza do galego". Durante o debate do proxecto de lei na Cámara baixa, Rego criticou que o resultado final do texto lexislativo "non está á altura do esperado" para a organización nacionalista nin para os diversos sectores da sociedade.

Por iso, o deputado do Bloque explicou que votará 'non' porque non garante a presenza de todas as linguas oficiais do Estado, e por tanto o galego, xa que "deixa os produtores independentes ao pé dos cabalos do duopolio televisivo" e non asegura cotas que reduzan a brecha de xénero e abre a porta á privatización dos medios públicos.

"Esta lei xerou moitas expectativas en diversos sectores que, lamentablemente, están a verse frustradas por un resultado que, aínda que supón algúns avances, non está á altura do esperado", apuntou Rego. Para a organización nacionalista é "especialmente preocupante" que a redacción do articulado non garanta a presenza de todas as linguas oficiais nas plataformas ou medios públicos.

Por iso, entende que é unha "oportunidade perdida" de realmente poder avanzar na igualdade das linguas e de garantir o dereito dos galegos de poder acceder a contidos audiovisuais en galego. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta