Galicia mantense líder en sendeiros azuis

Son 29 itinerarios de 19 concellos, cunha extensión de 220 quilómetros, case a metade dos que hai no Estado.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/05/2022 | Actualizada ás 16:41

Comparte esta noticia

Galicia volve ser a comunidade autónoma con maior número de sendeiros azuis, un galardón que a Asociación de educación ambiental y del consumidor (Adeac) concede para recoñecer o papel das sendas e camiños como un recurso valioso. Foron un total de 29 itinerarios galegos que pertencen a 19 municipios cunha extensión de 220 quilómetros.

Galicia, autonomía con máis sendeiros azuis
Galicia, autonomía con máis sendeiros azuis | Fonte: Xunta de Galicia.

A relación de galardoados deuse a coñecer esta mañá en Madrid no marco do acto de entrega oficial de bandeiras azuis que, por primeira vez, lucirán os 73 municipios onde se localizan os 86 carreiros seleccionados por Adeac en España. Este é o primeiro ano que se convoca unha cerimonia propia e separada para anunciar os sendeiros azuis.

Ao evento acudiron en representación da Xunta a directora de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen manifestou que case a metade dos 474 quilómetros que ocupan os novos itinerarios azuis declarados no Estado español están en Galicia.

Neste sentido, Belén do Campo considerou que este novo recoñecemento, sumado ás 112 bandeiras outorgadas ás praias, as 11 a portos deportivos e aos 14 centros azuis, consolidan a posición de Galicia entre as comunidades do Estado e do mundo que "ano tras ano" concentran o maior número de distintivos azuis. Os 166 galardóns que recibiu Galicia supoñen 11 máis que o ano pasado.

Entre as principais novidades das rutas distinguidas este ano hai que destacar que os concellos de Ribeira (A Coruña) e Poio (Pontevedra) entran por primeira vez na lista grazas ao recoñecemento do carreiro litoral de Coroso-Río Azor en Ribeira e do carreiro litoral de Poio.

Así mesmo, Sanxenxo repite como o concello no Estado con máis senllas recoñecidas con sete, das cales é nova a ruta dos carballos de Aldariz e as outras seis xa recibiron este recoñecemento o ano pasado, pero aglutinadas como unha rede de sendeiros. En total, suman máis de 30 quilómetros.

Tamén destacan os casos de Marín e Vigo, que con tres carreiros azuis cada un convértense desta forma nos segundos concellos no Estado, xunto ao municipio murciano de Cartaxena, con máis carreiros galardoados.

Por último, en canto á repartición por provincias, Pontevedra lidera o ranking a nivel autonómico e estatal con 19 itinerarios localizados en nove municipios que suman case 137 quilómetros. Séguenlle A Coruña, con seis carreiros noutros tantos concellos e máis de 55 km; e Lugo, que suma catro itinerarios azuis no mesmo número de municipios, cun total de 25,8 km ao longo da Mariña lucense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta