O PIB galego crece un 5,1% no primeiro trimestre, mentres que o emprego aumenta un 4,2%

Por E.P. | VIGO | 27/05/2022 | Actualizada ás 11:44

Comparte esta noticia

O Produto Interior Bruto (PIB) galego creceu un 5,1% no primeiro trimestre deste ano, respecto ao mesmo período de 2021, segundo datos publicados este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Así, en comparación co trimestre anterior, a economía galega subiu un 0,7%, segundo recolle a Xunta nun comunicado. Desde o punto de vista da demanda, neste primeiro trimestre do ano o gasto en consumo final aumentou no último ano un 2,4%, cun crecemento interanual do 3,2% no gasto en consumo final dos fogares, mentres que as exportacións aumentaron un 4,3%.

No que respecta á oferta, en termos anuais os servizos subiron un 8,7% e a industria manufactureira un 2,1%. Pola súa banda, o sector primario creceu un 1% e a construción baixou un 1,8%, "debido en parte á crise de materiais".

Ademais, os datos de contabilidade trimestral do IGE mostran que o emprego, medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo, creceu no último ano un 4,2%, o que supón 42.377 postos máis. As ramas de actividade nas que máis aumentou foron as relacionadas co comercio, transporte e hostalaría (+10,6%), coas actividades profesionais (+4,5%) e co sector da construción (+5%).

Billetes de euro
Billetes de euro | Fonte: EUROPA PRESS - ARQUIVO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta