Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/05/2022 | Actualizada ás 16:16
O deputado autonómico do PSdeG Julio Torrado acusa a Xunta e o Servizo Galego de Saúde (Sergas) de converter os recursos humanos en Atención Primaria nun "mercado de fichaxes ao estilo fútbol" co acordo asinado co Concello de Sanxenxo para ofrecer catro vivendas a médicos no verán.
Así o censurou o portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, despois de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para cuestionar o convenio ratificado o mércores entre o xerente do Sergas, José Flores, e o alcalde do concello, Telmo Martín.
A xuízo dos socialistas, esta proposta é un "erro perigosísimo" porque implica un "mercadeo de profesionais". A Consellería de Sanidade asinou "un convenio que parece que dinamita o modo de organizar os recursos humanos en función das necesidades sanitarias e da poboación", afea Torrado.
E é que, segundo o deputado do PSdeG, a procura de médicos "convértese así nunha poxa ao mellor ofertante" que "pode acabar por converterse nunha poxa a ver quen ofrece o despacho con mellores vistas ou que concello regala un coche".
"Altera todo criterio de equidade entre concellos e as prioridades que deberá ter a xestión do sistema público e altera ademais os criterios básicos que a propia Xunta de Galicia manifestou contra a competencia entre administracións para a captación de profesionais", insiste Torrado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.