Galicia, á cabeza en vacinación pediátrica contra a covid-19, co 66,7% da poboación con pauta completa

A media estatal sitúase no 43,7%

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/05/2022 | Actualizada ás 16:38

Comparte esta noticia

Galicia colócase como a comunidade autónoma con maior porcentaxe de poboación pediátrica vacinada --de 5 a 12 anos-- no Estado español ao ascender ao 66,7% os menores deste tramo de idade con pauta completa, fronte ao 43,7% da media estatal. Así se reflicte no informe actualizado este venres, 27 de maio, polo Ministerio de Sanidade.

Un neno recibe a vacina contra a covid-19
Un neno recibe a vacina contra a covid-19 | Fonte: David Zorrakino - Europa Press.

En total, 118.532 nenos e nenas de 5 a 12 anos dunha poboación de 177.577 desas idades contan con pauta completa en Galicia, o 66,7%. Por iso, a galega volve liderar a vacinación pediátrica, tras a que se sitúan Estremadura (64%) e Asturias (61,1%). Son as tres únicas autonomías que exceden o 60% desta poboación con pauta completa.

Dos 177.577 menores de idade pediátrica chamados a vacinarse en Galicia contra a Covid, 136.952 contan con polo menos unha dose da vacina, que supón o 77,1% da poboación diana, fronte ao 54,6% de media de España.

En canto aos maiores de 12 anos, do informe do Ministerio de Sanidade deste venres despréndese que dos 2.456.127 chamados a vacinarse contra a Covid-19, un total de 2.341.903 contan con polo menos unha dose, que implica o 95,3%, fronte ao 93% de media de España.

En canto aos que xa concluíron o proceso, 2.347.776 dispoñen de pauta completa en Galicia, que supoñen o 95,6 por cento, fronte á media estatal do 92,6%.

Deste xeito, segue Galicia en segundo lugar en porcentaxe de poboación vacinada, tras A Rioxa (97,3%). En terceiro lugar destaca Estremadura (95,5%).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta