Alfonso Rueda convoca a oposición a dúas reunións o 6 de xuño

Nunha carta remitida a Pontón (BNG) e a Formoso (PSdeG), propón "poñer en común" a súa visión sobre "a situación actual e futura de Galicia".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2022 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enviou unha carta á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e ao secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, para convocalos a unha reunión, con cada un deles, o vindeiro luns día 6 de xuño. "Vounos recibir porque a xente espera que os representantes políticos falemos entre nós. Podemos ter diferentes formulacións, pero ao final temos que falar entre nós, se non é imposible chegar a acordos", avanzou nunha entrevista este domingo na Radio Galega recollida por Europa Press.

Así mesmo, Alfonso Rueda lamentou que antes de recibilos lle gustaría ter ocasión de falar co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para compartir con eles as conclusións dese encontro. En todo caso, sinalou que "non se pode esperar máis" e asegurou que os recibirá "coa man tendida". O titular do goberno autonómico criticou que a oposición dixese nos últimos días "cosas un pouco grosas", pero insistiu en que o seu deber é "non ter nada en contra diso" e pensar que desde a presidencia da Xunta "se pode chegar a acordos coa oposición", continuou, "ou polo menos tentalo".

Segundo trasladou Presidencia, na misiva, Alfonso Rueda mostra o seu desexo de "tomar a iniciativa e comezar unha rolda de contactos cos representantes da oposición" para "pór en común" a súa visión e a da Xunta de Galicia respecto da "situación actual e futura de Galicia". Entre os asuntos que, ao seu xuízo, son prioritarios, o presidente citou "a subida abrupta dos prezos ata niveis descoñecidos nos últimos 30 anos", a necesidade de que os fondos europeos contribúan a "unha reactivación sólida e sostida" e a necesidade de "seguir mellorando a calidade" dos servizos públicos galegos.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nunha sesión plenaria extraordinaria no Parlamento galego, a 24 de maio de 2022, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nunha sesión plenaria extraordinaria no Parlamento galego, a 24 de maio de 2022, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia.. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

Por outra banda, expresou a súa intención de "acordar coa oposición" unha posición "única" de cara á reunión que espera manter con Pedro Sánchez. Nesta mesma liña, insistiu en que "hai cousas que a Galicia lle fan moitísima falta" e sinalou que é o seu deber "propoñelas" e a oposición "tentar aceptalas". Entre estas propostas, que para Rueda "admiten pouca discusión", destacou abordar o modelo de financiamiento autonómico, finalizar as infraestruturas pendentes do Goberno central ou baixar impostos.

O xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, cualificou de "bo comezo" esta convocatoria, pero advertiu de que é necesario abordar "unha axenda galega", que, para el, debe centrarse na sanidade, a atención ás persoas maiores e un novo modelo económico.

"ESTILO RUEDA"

O presidente da Xunta definiu ademais os tres elementos principais do denominado "estilo Rueda": "Proximidade, xestión e honestidade". En primeiro lugar, a proximidade: "Cando estás a presidir unha administración tan grande como a Xunta de Galicia, córrese o risco de perder a perspectiva e eu non quero que me pase iso en ningún caso". O segundo alicerce, a xestión: "Estamos para xestionar. A xente ponnos nos postos para tentar solucionar os problemas a través das ferramentas que temos"

E o terceiro, a honestidade: "A honestidade entendida en sentido amplo. Hai que ser transparente; que se saiba o que estamos a facer, que cando cometamos erros sexan coñecidos para tentar rectificalos e que a xente saiba que tentamos facer as cousas sempre para acertar".

"CONTINUAR CO BO FEITO ATA AGORA"

Ademais, Alfonso Rueda fixou como unha das prioridades principais do Goberno da Xunta para os próximos dous anos de lexislatura "continuar co bo feito ata agora". Nesta mesma entrevista, lembrou que el xa formaba parte do Goberno e que leva "13 anos cunha maneira de facer as cousas" que, defendeu, "foi referendada catro veces polos galegos con maioría absoluta".

Ademais disto, Rueda recoñeceu que a seguinte prioridade é "afrontar os retos que van vir". Así, no ámbito económico, o presidente da Xunta recoñeceu que "empeza a emitir sinais de dificultade" e iso, continuou, "hai que tentar apontoalo para que Galicia non sufra e poida seguir crecendo aos poucos". "Non refugar nada do bo que estaba feito ata agora, afrontar os novos retos e seguir cara adiante", resumiu.

OPTIMISTA ANTE UNHA POSIBLE VISITA DO PAPA

Por outra banda, Alfonso Rueda, mostrouse optimista ante unha eventual visita do papa que lle gustaría que se producise "no último trimestre do ano" para finalizar de forma "espectacular" o Xacobeo 21-22. Neste sentido, detallou que nunha conversación que mantivo co arcebispo este mostroulle optimismo, aínda que recoñeceu que dependerá "da saúde do papa". "Estou seguro de que se a súa saúde o permite, o papa vai vir a Santiago", apostilou.

CANDIDATOS ÁS MUNICIPAIS, "ANTES DO VERÁN"

Ademais, a un ano das eleccións municipais, o presidente do PPdeG mostrou o seu desexo de pechar os candidatos do PPdeG ás alcaldías locais das grandes cidades "canto antes" e, a poder ser, "antes do verán". Rueda argumentou que os candidatos novos "necesitan ser coñecidos e explicar o seu proxecto", polo que considera que é mellor planificar con antelación, xa que, ao seu xuízo, "improvisar a última hora nunca foi bo".

Preguntado sobre se xa tiña algún nome na súa cabeza, Alfonso Rueda quixo ser respectuoso cos procesos internos de cada formación local, pero si se situou cos candidatos de Pontevedra e Vigo: Rafa Domínguez e Marta Fernández Tapias. Para Rueda, eles son "candidatos claros", aínda que recoñeceu que "hai uns procedementos" e, por iso, "hai que ratificalos". "Anunciarémolos nos foros adecuados. Hai que ser respectuoso e ás veces as formas tamén son a garantía do éxito", matizou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta