O IDIS busca voluntarios para un estudo sobre as causas da resistencia dalgunhas persoas maiores á demencia

Buscan a persoas maiores de 90 anos que non teñan síntomas de demencia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2022 | Actualizada ás 11:05

Comparte esta noticia

Descubrir en que se diferencia o cerebro das persoas maiores de 90 anos que permanecen sen ningún tipo de deterioración cognitiva daquelas que presentan algún grao de demencia é o obxectivo dun ensaio, non invasivo, para o que o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) busca voluntarios.

O ensaio, informou a entidade, consta de dous pasos: unha primeira valoración neuropsicolóxica duns 30 minutos de duración na que os expertos valorarán tanto a memoria como outras habilidades dos participantes; e unha resonancia e dúas TAC, tamén duns 30 minutos cada un, nos que os voluntarios tan só necesitan manterse en repouso na padiola durante a duración das probas. Finalmente, os voluntarios recibirán detallada información sobre o estado do seu cerebro e o resultado das súas probas.

O estudo 'PET90+' é un proxecto conxunto de dous servizos do CHUS, o Servizo de Medicina Nuclear, dirixido pola doutora Virginia Pubul e o Servizo de Neuroloxía, dirixido polo doutor José María Prieto. No proxecto participan o profesor da Facultade de Medicina da USC Pablo Aguiar, como coordinador, e os investigadores José Manuel Aldrey, Juan Pías-Peleteiro, Julia Cortés e Marta Gil, ademais dos investigadores Tomás Sobrino e Laura Vázquez, do Grupo Laboratorio de Neuroenvellecemento do IDIS.

Cos resultados de todos os participantes elaborarase un estudo co que se busca identificar cales poden ser os motivos polo que estas persoas maiores de 90 anos resisten cun sistema cognitivo intacto fronte a aquelas persoas que desenvolven demencia ou enfermidades como o Alzheimer.

Dúas persoas maiores e xubiladas tentan disfrutar da súa vellez
Dúas persoas maiores e xubiladas tentan disfrutar da súa vellez | Fonte: canarias7

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta