O director da CRTVG di que a Lei galega de medios públicos está "obsoleta" e pide actualizala

O PSdeG criticou que máis dunha década despois da aprobación desta lei siga sen porse en marcha tanto o estatuto profesional como a creación do consello de informativos que contempla esta norma. A CRTVG desmárcase das expresións do avogado que atribuíu o delito de abuso de Santi Mina a unha "mala noite".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2022 | Actualizada ás 12:55

Comparte esta noticia

O director xeral da Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, asegurou que a Lei galega de medios públicos de comunicación audiovisual aprobada no ano 2011 é unha norma "moi cumprida" pero tamén "obsoleta e superada" e avoga pola súa actualización ante a aprobación da Lei estatal que regulará o audiovisual.

Así se pronunciou este martes en resposta a unha pregunta formulada na comisión de seguimento da CRTVG no Parlamento de Galicia pola deputada socialista Noelia Otero, quen criticou que máis dunha década despois da aprobación desta lei siga sen porse en marcha tanto o estatuto profesional como a creación do consello de informativos que contempla esta norma.

Respecto diso, Sánchez Izquierdo defendeu que a norma aprobada en 2011 é unha "lei moi cumprida" pero sostivo que "está obsoleta e superada". "Emprázoa a que aplique as súas capacidades para actualizar esta lei, que o necesita de forma imperiosa e máis se se publica, como parece que si, a Lei do Audiovisual", afirmou.

Na súa intervención, o director xeral tamén asegurou que tanto a posta en marcha do consello de informativos como do estatuto do profesional é "responsabilidade" do Consello de Administración da CRTVG, un órgano "con representación de todas as forzas". Segundo indicou Sánchez Izquierdo, a aprobación do estatuto do profesional segue sendo "unha das prioridades" do Consello de Administración da CRTVG, que, neste tempo, traballou en "temas moi relevantes" como a convocatoria dunha oferta pública de emprego de 270 prazas.

"Tanto a modificación do cadro de persoal como as directrices foron aprobadas por unanimidade no pleno do Consello de Administración, unha unanimidade que me consta polo que sei dos membros do consello que é pretendida desde o comezo para instrumentos como o estatuto ou o consello de informativos", sinalou.

SENTENZA POR VULNERAR DEREITOS FUNDAMENTAIS

Por outra banda, na sesión, tanto o PSdeG como o BNG fixeron referencia e pediron explicacións ao director xeral en relación coa sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que conforma unha multa á CRTVG por vulnerar dereitos e vincúlao á súa implicación nas protestas dos 'Venres Negros'.

Respecto diso, Sánchez Izquierdo defendeu que "normalmente" as sentenzas son "moi favorables" para as posicións da CRVTG aínda que "pode haber sentenzas individuais" que "vaian en contra" como, segundo indicou, "ocorre na inmensa maioría das administracións públicas". "Hai un enorme catálogo de sentenzas que poden ir en contra dunha administración pública a nivel local, autonómico ou estatal e non por iso se vai cuestionar o bo facer", sinalou Izquierdo.

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo. EUROPA PRESS - Arquivo
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

AVOGADO EN FAVOR DE SANTI MINA

Alfonso Sánchez Izquierdo, desmarcou tamén o ente público das expresións dun avogado que defendeu no programa de radio 'Zona Mixta' o xogador de fútbol Santi Mina, condenado por un delito de abuso sexual, e asegurou que tivera unha "mala noite". "Foi a expresión dun entrevistado, en ningún caso da corporación", asegurou Sánchez Izquierdo, que incidiu en que o entrevistado se expresou con "opinións sobre as que a CRTVG non ten ningunha responsabilidade" e coas que o entrevistador "non ten porque estar de acordo".

Tras indicar que "nada facía pensar que as opinións legais dun experto deportivo invitado para dar luz puidesen derivar nas expresións escoitadas sobre os feitos xulgados", o director xeral da CRVTG sinalou que non volveu contar con este letrado para ningún programa. "A nosa responsabilidade é que, se non podemos evitalo antes, reaccionar canto antes", dixo.

Na súa intervención, Izquierdo asegurou que a CRTVG presta unha atención preferente aos contidos relacionados coa violencia contra as mulleres e promove "un compromiso activo" en contra da discriminación da muller e da violencia machista co obxectivo de "evitar mensaxes que poidan crear unha sensación de impunidade ante estes delitos".

O director xeral pronunciouse deste xeito en resposta a senllas preguntas formuladas polas deputadas do PSdeG, Noa Díaz, e do BNG, Olalla Rodil. A deputada socialista alertou da "ausencia da perspectiva de xénero" para o tratamento da violencia machista nos medios públicos galegos e censurou que na entrevista se abordase "un delito con sentenza xudicial por abusos sexuais con xuízos de valor e desprestixio cara á vítima". 

Nesta liña, a parlamentaria do Bloque coincidiu en que durante a entrevista se "criminaliza á muller" e se tenta defender o futbolista. "Sumámonos á indignación das redes sociais, dos seguidores do propio Celta e dos profesionais que traballan pola introdución da perspectiva de xénero", sinalou.

LEI AUDIOVISUAL NO SENADO


O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, compareceu este martes para volver denunciar que a lei de audiovisual aprobada no Congreso --e que agora debe pasar polo Senado-- non garante unha presenza do galego nas producións. "O BNG tivo que votar en contra dunha lei á que lle gustou votar a favor", manifestou.

En rolda de prensa, Rego confiou, no entanto, en que a Cámara Alta sirva para implementar cambios na normativa. "É posible e esperamos que isto ocorra e teña que volver ao Congreso e sexa a ocasión para corrixir elementos negativos", apostilou.

Néstor Rego xulgou que a lei de audiovisual "é unha oportunidade perdida" para, por exemplo, "a incorporación das linguas oficiais ao conxunto das plataformas audiovisuais". Ademais, tamén lamentou que a normativa tal e como quedou "non serve para reducir a brecha de xénero nos audiovisuais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta