O BNG presentará alegacións ao decreto lei sobre eólicos que "impide á cidadanía sequera protestar"

Medio Ambiente di que o seu órgano consultivo non pode votar a iniciativa de eólicos pero elevaraa ao Goberno central.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 31/05/2022 | Actualizada ás 15:04

Comparte esta noticia

O deputado do BNG, Néstor Rego,  nunha intervención ante a prensa fixo referencia ao decreto lei 6/2022, que agora se vai tramitar como proxecto lexislativo. Rego lembrou que no decreto bastan con informes de impacto da propia empresa que quere instalar muíños, o que impide que os cidadáns poidan "sequera protestar ou presentar as súas alegacións". "É como pór ao raposo a vixiar o galiñeiro", salientou Rego, que ratificou que o BNG rexistrou emendas para suprimir esas modificacións (a eliminación dos informes de impacto ambiental) e volver a unha situación anterior.

O deputado nacionalista sinalou que a instalación de parques eólicos per se non vai abaratar o custo da enerxía, senón que iso pasa por un cambio da tarificación. Por iso, e tras reivindicar a "persistencia" do BNG para conseguir que se tramite o decreto como proxecto lexislativo, tamén avanzou que traballará para unha "nova regulación" que dea "máis garantías" de protección ambiental e social. Iso si, esixiu ao Goberno de Sánchez que o proxecto lexislativo "non quede nun caixón". "Imos estar atentos", aseverou.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego | Fonte: Europa Press

MEDIO AMBIENTE

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, esgrimiu un informe dos servizos xurídicos para indicar que "por imperativo legal" a natureza dos acordos adoptados polo Consello Galego de Medio Ambiente (Cogamads) só poden ser ditames e consultas. Con todo, comprometeuse a trasladar a preocupación sobre a adxudicación de concesións eólicas ao Goberno central.

As tres asociacións ecoloxistas con representación neste órgano consultivo plantaron, "por hixiene democrática", este consello ata que a Presidenta se decida a debater unhas propostas sobre a eliminación dos informes de impacto ambiental para a instalación de parques eólicos.

Este asunto remóntase a xaneiro deste ano, cando na reunión do día 26, a conselleira, segundo denunciaron as asociacións ecoloxistas, "abandonou" a reunión sen que se abordasen as súas peticións, nun corte "abrupto" do encontro.

Aínda que na deste 31 de maio non estaban as asociacións, segundo informou a consellería, Vázquez "aceptou a petición" de trasladar ao Goberno central "a preocupación que está a xerar" a eliminación da participación pública na tramitación de certos parques eólicos, en vigor por decreto lei desde marzo (e que agora se tramita como proxecto lexislativo).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta