Carballo berra contra a violencia machista e en solidariedade coa muller mallada polo seu marido

A vítima permanece na UCI e o agresor está previsto que pase este mércores a disposición xudicial.

Por Europa Press / Redacción | Carballo | 31/05/2022 | Actualizada ás 20:34

Comparte esta noticia

Centos de persoas concentráronse este martes na Praza do Concello de Carballo para mostrar a súa solidariedade coa muller de 43 anos agredida polo seu marido este pasado luns e que permanece en estado grave na UCI do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Concentración en Carballo en solidariedade cunha muller agredida pola súa parella
Concentración en Carballo en solidariedade cunha muller agredida pola súa parella | Fonte: Europa Press.

Un lazo de cor morada --símbolo do Día Internacional da Muller--, estendido no centro da praza por un grupo de mulleres, foi o punto ao redor do cal se situaron os centos de asistentes que baixo a choiva acudiron a esta convocatoria.

Ademais, os membros da corporación municipal portaron unha pancarta morada na que se podía ler 'Carballo, contra as violencias machistas' e varias concelleiras leron unha declaración institucional "en nome de todos os veciños e veciñas" e como "símbolo de compromiso do pobo de Carballo contra as violencias machistas".

Na declaración, tamén condenaron esta "brutal agresión" e calquera acto de violencia machista que "mata e agride" e que "mata as mulleres polo simple feito de selo".

Tras a lectura, as persoas asistentes á concentración iniciaron un longo aplauso "para facerlle chegar a fortaleza que necesita e a unidade do pobo de Carballo", ao que continuou un silencio de varios minutos no que moitos dos asistentes non puideron evitar emocionarse, entre eles numerosos nenos e nenas que acudiron este martes a esta praza da capital da comarca de Bergantiños.

Un silencio que foi roto polas palabras dunha das concelleiras que lera a declaración institucional: "Esperamos a súa pronta recuperación e que caia todo o peso da lei sobre o agresor".

PERMANECE EN ESTADO GRAVE

Segundo fontes sanitarias este martes, a muller agredida atópase "estable" ingresada na UCI do complexo hospitalario coruñés con "prognóstico grave".

Os feitos sucederon sobre as 2,45 horas deste luns no lugar de Fonte Caldeira, onde unha testemuña atopou a muller na rúa tras ser agredida e alertou á Garda Civil. O 061 enviou ao lugar dúas ambulancias de soporte vital básico, persoal sanitario da PAC de Carballo e unha ambulancia de soporte vital avanzado, que, tras unha primeira asistencia no lugar, trasladou a muller ferida ao Hospital A Coruña.

Pola súa banda, os dous fillos menores de idade desta parella permanecen baixo custodia dun familiar directo da vítima, aseguraron fontes consultadas.

PASE A DISPOSICIÓN XUDICIAL O MÉRCORES

Está previsto que o marido da vítima pase este mércores a disposición xudicial no Xulgado de Instrución número 1 de Carballo, que é o competente en materia de violencia sobre a muller.

O home, que carece de antecedentes, fuxiu tras a agresión e, despois de ordenar a súa procura a Garda Civil, entregouse na Comandancia da Coruña, onde foi detido sobre as 10,15 horas do luns, desde onde foi trasladado ao cuartel de Carballo.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, confirmou o luns unha denuncia de hai un ano por vexacións e insultos do home detido.

"O único dato que temos é que non existía ningunha denuncia previa, por tanto non había orde de afastamento nese sentido e seguían convivindo xuntos", explicou Miñones, para puntualizar que "si había unha denuncia de hai un ano por vexacións e insultos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta