Goberno advirte á Xunta que se quere as competencias do litoral debe "modificar o Estatuto de Autonomía"

Maica Larriba pide ao Executivo galego que deixe de "alarmar" coas concesións en dominio público marítimo-terrestre.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 01/06/2022 | Actualizada ás 18:44

Comparte esta noticia

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, advertiu este mércores á Xunta que se quere obter as competencias sobre o dominio marítimo-terrestre Galicia debe "modificar o Estatuto de Autonomía" para que así o contemple.

En declaracións ofrecidas aos medios tras copresidir a xunta local de seguridade de Cambados con motivo da LXX Festa do Albariño, respondeu así ás queixas manifestadas nos últimos días na prensa pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ante a negativa do Estado de ceder estas competencias á Xunta mentres que outras si as teñen.

"Quero deixar claro que todas as comunidades autónomas que teñen transferidas estas competencias, téñenas transferidas porque os estatutos así o contemplan", recalcou a subdelegada, para desmentir que a Dirección Xeral de Costas "outorgue ou rexeite" esta cuestión.

"A Xunta sabe perfectamente que, se quere as competencias sobre o litoral, o primeiro que ten que facer é modificar o seu Estatuto de Autonomía", insistiu, xa que é "conditio sine qua non", tal e como recalcou Larriba. Unha eventual reforma do Estauto de Autonomía requiriría, segundo dispón o mesmo texto no seu artigo 56, a aprobación no Parlamento galego por dous terzos (50 deputados), así como a luz verde do Congreso e da cidadanía a través dun referendo.

PORTO DE TRAGOVE

Por outra banda, a subdelegada do Goberno en Pontevedra respondeu á Xunta ás súas advertencias sobre a suposta ameaza que supoñen as decisións do Executivo central para a cadea mar-industria, tal e como sinalou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante unha visita realizada o pasado 9 de maio ao porto de Tragove, en Cambados.

Neste contexto, Larriba informou de que o pasado martes a directora xeral de Costas, Ana María Oroño, mantivo unha reunión coa Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes (Anfaco) e a Asociación Galega de Empresarios Depuradores de Moluscos (Agade) para transmitir a "máxima tranquilidade" sobre as concesións en Tragove.

"Todas as renovacións e as novas concesións en dominio público marítimo-terrestre, un total de 54, aprobáronse ata o momento sen ningún problema", recalcou a subdelegada, para defender que é "totalmente falso" que Costas "poña en perigo" estes negocios e pedirlle á Xunta que deixe de "alarmar".

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, preside a xunta de seguridade local en Cambados.. SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, preside a xunta de seguridade local en Cambados.. SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Maica Larriba mata moscas a cañonazos ! Pero cando se trata de ceder as competencias de Costas ao Concello de Vigo para a reforma do paseo de Bouzas-Alcabre-Samil non fai falla cambiar ningún Estatuto de Autonomía (?) Mentirosa e nada máis que mentirosa ! Esta muller o único que fai ben é cobrar as multas da policía local de Caballero ! Pero temos unha lei de costas que non move un dedo cando tropeza cos Estafadores de Alto Standing https://flic.kr/p/oDS7BC Será porque todos comparten a pretensión de quedarse co litoral galego ? Será...