O paro baixa en Galicia en 4.482 persoas en maio, menos que a media estatal

O número total de parados queda en pouco máis de 146.000 parados.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 02/06/2022 | Actualizada ás 09:43

Comparte esta noticia

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) reduciuse en 4.482 persoas en Galicia durante o mes de maio, un 2,98% menos que en abril, segundo datos publicados este xoves polo Ministerio de Traballo e Economía Social, recollidos por Europa Press.

O paro baixa en Galicia en 4.482 persoas durante o mes de maio, ata 146.120 desempregados.. EPDATA
O paro baixa en Galicia en 4.482 persoas durante o mes de maio, ata 146.120 desempregados.. EPDATA | Fonte: Europa Press

Desta maneira, o número total de parados en Galicia situouse nos 146.120 desempregados, tras descender en 19.186 persoas (-11,61%) nos últimos 12 meses. A pesar deste descenso, Galicia situouse en maio por baixo da media estatl, xa que no total de España o paro caeu un 3,29% respecto de abril, con 99.512 desempregados menos, e un 22,70% no último ano, con case de 858.260 parados menos.

Por provincias, Pontevedra foi a que mellor comportamento rexistrou en maio, creando 2.138 empregos (-3,59% respecto de abril), e quedou con 57.495 parados. Séguea Ourense, cun descenso do 3,32% e 557 persoas sen emprego menos, ata 16.781 parados.

Pola súa banda, na Coruña hai 57.849 parados, 1.514 menos que hai un mes (-2,55%), e en Lugo esta cifra queda nas 13.995 persoas, un 1,78% menos e 253 parados menos que en abril deste mesmo ano. Entre outras cifras, o 41,8% dos parados galegos é home, mentres que o 58,2% é muller.

A Seguridade Social, pola súa banda, gañou unha media de 6.751 cotizantes en Galicia no mes de maio, o que supón un 0,65% máis que en abril, ata superar os 1,04 millóns de ocupados, segundo datos publicados este xoves polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, recollidos por Europa Press.

VALORACIÓN DOS SINDICATOS

A CIG incidiu en que o 60% dos contratos indefinidos asinados o mes pasado foron fixos descontinuos ou a tempo parcial, indicando que o sector servizos, "con maior precariedade laboral e parcialidade na contratación", foi o que máis contratos novos rexistrou. "Estas cifras colocan Galicia como o quinto territorio do Estado onde menos descendeu o desemprego, nunha época na que adoita producirse un descenso estacional vinculado á proximidade do verán", lamentou a organización sindical.

Neste sentido, o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío, criticou que a parcialidade dos contratos provocará un descenso das rendas.

Pola súa banda, Comisións Obreiras (CC.OO.) reivindicou a necesidade dun plan para que Galicia poida dar solución aos sectores con problemas estruturais. Así, indicou que os datos do paro de maio reflicten que a contratación indefinida multiplica por catro os valores de hai un ano, pero estas cifras "non poden facer esquecer que en Galicia hai sectores produtivos, especialmente industriais, que arrastran problemas estruturais sen resolver".

Por iso, a secretaria de Emprego de CC.OO., Maica Bouza, demandou á Xunta un "plan de actuación real para paliar as consecuencias da crise actual" no tecido produtivo galego e non "simples medidas cosméticas". A sindicalista reivindicou que os traballadores "xa fixeron a súa achega" durante a pandemia, permanecendo en ERTE co 70% do soldo, "mentres as empresas se beneficiaban de bonificacións e axudas".

Tamén UGT puxo en valor a importancia da reforma laboral no impulso da calidade do emprego, xa que os contratos fixos en Galicia xa supoñen o 38% do total. A pesar dos "bos" datos de paro, UGT advertiu de que os indicadores en Galicia son peores que no resto de España e urxiron políticas activas de emprego máis eficaces e unha subida xeneralizada dos salarios.

A XUNTA VALORA A EVOLUCIÓN

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, puxo en valor que desde o inicio da pandemia o desemprego se reduciu en Galicia un 12,1%, fronte ao 9,95% da media do total de España. Tamén destacou o comportamento favorable dos colectivos con máis dificultades para atopar emprego, como as mulleres, os parados de longa duración ou os menores de 30 anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta