Salarios baixos? Escapada de profesionais? As claves da falta de camareiros

A precariedade laboral que arrastra o sector deixa a hostalaría sen persoal, segundo explican os sindicatos. Asociacións hostaleiras indican que o problema radica, principalmente, nunha "falta de man de obra cualificada", pero apostan por reorganizar o sector para optimizar os recursos humanos e mellorar as condicións laborais.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2022 | Actualizada ás 21:59

Comparte esta noticia

As empresas de turismo e hostalaría levan tempo reiterando as súas queixas pola falta de persoal de cara á tempada alta de verán. Unha situación "tan desesperante", definía nestes días o presidente da Federación Galega de Hostalaría e da de Lugo, Cheché Real, que "hai establecementos que non poden abrir porque non conseguen xente". Ante a pregunta de por que estes postos vacantes, uns 109.000 en todo o Estado, están quedando desertos, as respostas son variadas en función de quen faga a lectura, e van dende a falta de formación do persoal ata as condicións laborais ofrecidas polas empresas.

Un camareiro limpa unha mesa nunha terraza de Lugo
Un camareiro limpa unha mesa nunha terraza de Lugo | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Dende os sindicatos colocan o foco, precisamente, na precariedade laboral que arrastra o sector, con soldos baixos e dificultades para conciliar a vida laboral e familiar, mentres que a patronal fala tamén de trabas para atopar persoal formado ante un proceso de profesionalización do sector que require maior cobertura de prazas. O propio Real recoñecía estes días que o problema "vén de vello" e que o sector ten que "poñerse as pilas para facer máis atractivo traballar nel".

Esta é unha idea compartida polo Centro Superior de Hostalaría de Galicia, que sitúa as prazas vacantes principalmente nos postos de operativa, é dicir, persoal de cociña e camareiros. "Para atraer talento a un sector hai que facelo atractivo. Ti, como sector e empresario, tes que ofrecer unha profesión que garanta un futuro e unhas condicións que satisfagan as necesidades do profesional a efectos de salario e conciliación", explica a directora do centro, Marta Fernández Vázquez, que considera que o sector "está traballando" neste aspecto a través dunha "reorganización" de quendas e "profesionalización", que á súa vez, requiren dunha maior dotación de recursos humanos.

UNHA 'GRAN ESCAPADA' DO TALENTO?

A mocidade non deixou de formarse, di Fernández, pero o sector empresarial non consegue nin atraer talento nin retelo. "Hai moita rotación de persoal nos negocios, e non tería por que ser así sempre. Temos que conseguir darlle á mocidade unhas condicións adecuadas para que siga exercendo toda a súa vida profesional na hostalaría", explica. Tampouco xoga a favor a temporalidade que caracteriza o traballo no sector. "Ao final temos un persoal flotante. Son negocios que en tempada alta requiren incrementar notablemente os cadros de persoal pero que en temporada baixa non precisan de tanta xente". Neste sentido, Fernández indica que se "está traballando" tamén en desestacionalizar a hostalaría para "garantir a continuidade" dos postos.

Por parte dos sindicatos fálase directamente dunha "gran escapada" do persoal cara a outros sectores ou cara a emigración. "En canto saen das escolas, buscan destinos interesantes como Francia, Tenerife, Illas Baleares... Desaparecen porque aquí non teñen futuro", expón o responsable de hostalaría de CCOO-Servizos, José Mirás, que sinala que o sector non ofrece estabilidade, nin salarios "dignos" nin unhas condicións que permitan a conciliación. 

Lois Lópes, presidente da asociación Hostalaría.gal e responsable de 'A Nave de Vidán', considera que o problema se está "magnificando mediaticamente" cun discurso "demagóxico" sobre as condicións laborais, e considera que o problema radica en que "non hai man de obra cualificada". "Eu se poño un anuncio aparécenme candidatos, pero non saben traballar. Para que os vou contratar entón?", di. "E este non é un problema exclusivo da hostalaría. Se chamas a un construtor, un fontaneiro, unha empresa do sector do metal ou incluso no traballo doméstico, vanche contar exactamente o mesmo", prosegue.

SOLDOS BAIXOS E XORNADAS INTERMINABLES

Porén, os sindicatos si poñen o foco principal da problemática na precaridade. "Non podemos seguir con horas extra sen cobrar, con xornadas de doce horas, con libranzas partidas... Aínda que se cumprise o convenio colectivo, seguiriamos tendo unhas condicións moi duras", explica Mirás, que advirte un punto de inflexión na percepción da hostalaría por parte dos traballadores desde o ano 2020. "Moita xente estaba traballando cun contrato de catro horas e facendo outras catro ou seis horas en B, de maneira que se atoparon cun problema gravísimo á hora de ir ao ERTE. Aí decatáronse da importancia de cotizar", sinalan dende CCOO.

A CIG, pola súa banda, vén de iniciar unha serie de mobilizacións en Santiago de Compostela para reclamar un "convenio digno". "A mesa de negociación na provincia da Coruña está aberta pero sen ningún tipo de avance", explica a secretaria de CIG-Servizos, Transi Fernández. En Pontevedra, o convenio rematou en decembro do 2021 pero a patronal aínda non iniciou negociacións. "Isto é importante", di Fernández, "porque explica que o gran problema que ten a hostalaría é o baixo salario que se cobra". Nalgúns casos supérase "por pouco" o Salario Mínimo Interprofesional. Ademais, "os convenios cúmprense cero, é habitual ter un contrato de catro ou cinco horas e traballar 14", denuncia Transi, que ve "lóxico" que os traballadores, nestas condicións, tan só entendan a hostalaría como unha "saída momentánea". 

Lois López, pola contra, asegura que estes son "casos puntuais", aínda que recoñece que o "xeral" é traballar máis horas das marcadas no convenio. "Non digo que as condicións da hostalaría sexan as idóneas, pero non é cuestión de regular convenios, senón do día a día e de que os traballadores reclamen os seus dereitos. Naquelas empresas que acumulen beneficios, que o persoal pida condicións, porque eu non vexo que iso estea pasando", explícase. Asegura que nesta materia se "avanzou moito" pero indica que o sector "non ten posibilidade de mellorar os salarios" porque "non podemos repercutilo no prezo final do produto". 

REORGANIZACIÓN PARA MELLORAR CONDICIÓNS

O presidente de Hostalaría.gal afirma que existen "elementos que se poden considerar explotación" e sinala que moitos negocios viven tamén a base da "autoexplotación dos xefes". Unha realidade ante a que Lópes aposta por pensar nunha "reorganización de quendas" para optimizar os recursos humanos. "Como autocrítica, penso que haberá que tender máis á especialización e a definir franxas horarias que realmente sexan eficientes e poidan dar esas condicións que son as normais. Non é rendible ter negocios abertos 17 ou 18 horas ao día con vocación de servizo público".

Dende Comisións Obreiras, Mirás apela por non deixarse levar polo "isto sempre foi así". Cómpre, di, poñer enriba das mesas de negociación o tema da conciliación e dos descansos, aumentar os salarios, incrementar os cadros de persoal e valorar a implementación dunhas xornadas laborais máximas de menos de oito horas diarias. "Nós sempre dicimos que a hostalaría non é dura, fana dura os empresarios coas condicións que impoñen", sinala Mirás, que aposta por unha "reforma profunda" do sector para facelo atractiva á mocidade que sae dos centros formativos e reter o talento.

"Hoxe en día, unha vez que te metes na hostalaría descobres que a túa vida se reduce a traballar e durmir. Daste conta de todo o que queda fóra: a familia, as afeccións, as inquietudes persoais... Ante isto, está claro o que hai que facer: pagar máis, pero non só. Cómpre revisar o sector para ofrecer unha boa calidade de vida e non promover o traballo arreo, ao máximo que das", sentenza Mirás. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta