Repuntan os casos activos de covid, pero seguen en descenso os ingresos

O Sergas notifica 901 positivos novos e oito falecementos, cinco deles correspondentes a semanas anteriores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2022 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

Tras varias xornadas consecutivas de caída, Galicia volve rexistrar unha subida dos casos activos de covid-19, ata situarse nos 8.710, despois dun día no que se detectaron 901 positivos novos. Con todo, a presión hospitalaria segue en descenso ao contabilizar 447 ingresados, 25 menos.

Segundo os datos actualizados este xoves polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), con rexistros ata as 18,00 horas do mércores, recollidos por Europa Press, as persoas hospitalizadas por covid baixan a 430 en planta --20 menos que hai 24 horas-- e a 17 en unidades de coidados intensivos --cinco menos--.

Por áreas sanitarias, tan só dúas contabilizan unha subida dos ingresados. É o caso da de Ferrol, con 37 hospitalizados con coronavirus (+4), catro deles en coidados intensivos (sen cambios); e a de Pontevedra-O Salnés, con 67 (+2), dos cales catro (+1) están críticos.

Nas cinco restantes, esta cifra descende. Na área da Coruña-Cee, hai 116 ingresados (-17), dous deles na UCI (-3); na de Santiago-Barbanza son 77 (-4), dos que dous están críticos (-2); e na de Vigo, con 63 (-4), un deles en coidados intensivos. Así mesmo, a de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras contabiliza 55 hospitalizados (-1), deles dous na UCI (-2); e a de Lugo-A Mariña-Monforte 32 (-5), con dúas en críticos (sen variación).

REPUNTAN CASOS ACTIVOS

Os casos activos romperon a súa serie de descenso e no conxunto de Galicia volveron subir ata situarse nos 8.710, que implican 326 máis que o día anterior, ao haber máis novos positivos (901) que altas (571), ao que se engaden oito falecementos. O mércores da semana pasada había 9.539 infeccións activas.

O ascenso é case xeneralizado, pois os pacientes covid aumentan en todas as áreas menos na de Ferrol, que contabiliza 538 (-12). Á cabeza segue A Coruña-Cee, con 1.895 casos activos (+52), seguida de Vigo, con 1.716 (+134). Tamén soben as infeccións activas na de Santiago-Barbanza, que contabiliza 1.458 (+86); na de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con 1.227 (+36); na de Pontevedra-O Salnés, con 942 (+13); e na de Lugo-A Mariña-Monforte, con 923 (+18).

MÁIS CONTAXIOS

Os novos contaxios de covid-19 detectados en Galicia ascenden a 901, que son 30 máis que os 871 que se sumaron este pasado mércores. Co novo protocolo xa non se contabilizan os autotest positivos e non se fan probas de diagnóstico a poboación en xeral, salvo á vulnerable.

Por áreas, a da Coruña sitúase á cabeza con 199 novos positivos, seguida de preto por Vigo con 181 e por Santiago con 181. Tras estas, están Ourense (106), Pontevedra (99), Lugo (89) e Ferrol (31). Por tanto, as persoas contaxiadas desde o inicio da pandemia ascenden Galicia a 618.587, dos cales 139.725 corresponden á área de Vigo; 128.076 á da Coruña; 98.208, á de Santiago; 75.352 á de Ourense; 70.654, á de Pontevedra; 67.993 á de Lugo; e 37.692, á de Ferrol. Xunto a todos eles, hai outras 887 infeccións sen distrito asignado.

Este pasado martes efectuáronse 1.325 PCR en Galicia, que elevan a 3.905.920 as probas deste tipo feitas desde o inicio da pandemia, e 1.964 test de antíxenos, que implican 1.768.571 feitos en Galicia desde o comezo desta crise sanitaria.

Segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidade este pasado martes 31 de maio, adaptado ao novo sistema de vixilancia da covid-19 centrado en poboación vulnerable, a incidencia acumulada a 14 días en Galicia en maiores de 60 anos baixou a 768,39 casos por 100.000 habitantes, mentres que a media estatal se reduciu a 663,22.

En Galicia a incidencia no grupo de idade de 60 a 69 anos descendeu a 14 días a 712,18 casos por 100.000 habitantes; no de 70 a 79 anos a 785,86; e no de maiores de 80 anos reduciuse a 830,67.

VÍTIMAS E CURADOS

As vítimas da pandemia da covid-19 en Galicia rexistradas na web do Sergas ascenden a 3.508 ao notificar a Consellería de Sanidade este xoves oito novos falecementos correspondentes a días anteriores. Todos eles contaban con patoloxías previas. 

Grupos de comensais sentados nunha terraza dun establecemento en Galicia.. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press
Grupos de comensais sentados nunha terraza dun establecemento en Galicia.. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press | Fonte: Europa Press

Deste oito, cinco correspóndense con semanas anteriores na área de Vigo. Así, un home de 94 faleceu con covid o día 15 de maio, outro home de 75 o día 19, unha muller de 70 anos o día 23, outra muller de 97 o día 25 e un home de 89 o día 28. Os tres óbitos restantes rexistráronse con este pasado martes, día 31: unha muller de 81 anos na área da Coruña-Cee e unha muller de 78 e un home de 85 na área de Vigo. 

Mentres, desde o inicio desta crise sanitaria 606.442 persoas curaron da covid-19, despois de recibir a alta outras 571 con respecto á xornada anterior.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta