Dous novos fallos xudiciais recoñecen o dereito do persoal de Seaga a cobrar indemnizacións

As sentenzas determinan que o persoal de Seaga que non foi subrogada ao asumir a Xunta o servizo debe cobrar indemnización.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2022 | Actualizada ás 12:55

Comparte esta noticia

Dous novos fallos xudiciais volveron a recoñecer o dereito do persoal da empresa pública Seaga a cobrar indemnizacións de 20 días por ano traballado pola extinción da súa vinculación laboral despois de que o servizo de extinción de incendios fose asumida directamente pola Consellería do Medio Rural.

As sentenzas, emitidas o pasado 25 de maio polo xulgado do Social número 1 de Santiago e contra as que cabe recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, súmanse a outras na mesma liña no recoñecemento ao dereito a percibir indemnizacións aos empregados de Seaga que non foron subrogados.

Os fallos, difundidos este xoves polo sindicato CIG, dan a razón a 44 traballadores da empresa pública, que reclamaban o dereito a cobrar indemnización pola rescisión das súas relacións laborais no ano 2019 pola modificación substancial das condicións de traballo. Ese ano, a Xunta decidiu anular o encargo do servizo de extinción de incendios forestais á emrpesa pública para asumir directamente os traballos pero sen subrogar ao persoal que, ata o momento, levaba a cabo estas tarefas.

Isto, segundo resalta a CIG e recoñecen os fallos xudiciais, fixo que os traballadores de Seaga perdesen os dereitos adquiridos na empresa a efectos de antigüidade e indefinición do contrato, a pesar de que si se chegou a recoñecer o tempo traballado á hora de puntuar nas listas de substitución para as chamadas a cubrir os persoais do servizo de extinción.

"As traballadoras e traballadores pagaron coa perda dos seus dereitos adquiridos a decisión da consellaría de rescindir o encargo a Seaga e ademais a empresa, que debería realizar un ERE extintivo pola perda do encargo e abonarlle ao persoal 20 días de soldo por ano traballado, aforra esas cantidades", sinala a CIG nun comunicado no que cualifica de "negocio redondo" a operación da Xunta co servizo de incendios.

Por último, a central nacionalista acusou a Seaga de esgotar os recursos e chegar ao Tribunal Supremo para "atrasar o pago" o que tachan de "actitude temeraria que prexudica unhas traballadoras que fan o seu traballo, arriscan a súa integridade física defendendo os montes e ven como os dirixentes políticos da administración para a que traballan maquinan para negarlles os seus dereitos laborais e salariais".

Brigadistas de Seaga protestan ante o Parlamento galego
Brigadistas de Seaga protestan ante o Parlamento galego | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta