Aumentan a 468 os ingresos con gripe en Galicia, tras outros seis hospitalizados

Seis persoas faleceron por este virus.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2022 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

Os ingresos de persoas con gripe confirmada en Galicia aumentan a 468 na tempada actual 2021-2022, dos que seis ingresaron na semana que terminou o pasado 29 de maio. Iso supón que "xa son sete as semanas de continuo descenso".

Así se reflicte no décimo primeiro informe de 'Vixilancia da gripe en Galicia' correspondente á semana que terminou o 29 de maio, publicado este xoves polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), recollido por Europa Press, no que se indica que no que vai de tempada "só en nove casos se necesitou ingreso na UCI" e das 21 persoas que faleceron con este virus, considérase que seis o fixeron por el, sen cambios con respecto á semana anterior.

En canto á vixilancia cos rexistros de gripe en Atención Primaria do Sergas, na semana que terminou o 29 de maio, estes mostran respecto da semana anterior "outro descenso" na razón entre o número de persoas que consultaron casos por gripe e o de persoal médico que as rexistrou, polo que nesa semana "a tendencia da actividade segue a quedar no nivel basal de intensidade cunha tendencia decreciente".

A taxa de consultas no conxunto de Galicia volve diminuír lixeiramente respecto da semana previa, unha redución, puntualízase no informe, "que é o resultado de pequenos descensos nas taxas de consulta tanto nos distintos grupos de idade como nas catro provincias".

VIXILANCIA MICROBIOLÓXICA

En canto á vixilancia microbiolóxica, na semana 21 a positividade das mostras estudadas para virus do tipo A diminuíu ao 0,6 por cento en Galicia. O virus predominante durante a tempada "é do tipo A", reitera esta semana o Sergas, ao que corresponde "practicamente a totalidade dos diagnósticos" e, engade, dos que foron subtipados "todos son do subtipo A(H3N2), que non predominaba en Galicia desde a tempada 2018-19".

Un enfermeiro prepara unha vacina en Ourense / Rosa Veiga - Europa Press. / Europa Press
Un enfermeiro prepara unha vacina en Ourense / Rosa Veiga - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta