O BNG e a CIG valoran como unha "oportunidade perdida" a lei de creación da autoridade en defensa do cliente financeiro

O BNG sostén que ao longo de todo o anteproxecto fálase da autorregulación dos bancos pero considera que o Goberno "non pode dar por bo o que os poderes financeiros entenden que é máis vantaxoso".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 02/06/2022 | Actualizada ás 17:28

Comparte esta noticia

O BNG e a CIG consideran que o anteproxecto de Lei de creación dunha autoridade administrativa independente de defensa do cliente financeiro supón unha "oportunidade perdida" de avanzar na protección e o recoñecemento de dereitos das persoas usuarias.

O deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, e o parlamentario autonómico Ramón Fernández mantiveron este xoves unha reunión cos representantes da CIG-Banca Rosa Conde, Clodomiro Montero e Miguel Fernández na que analizaron este documento.

Tras o encontro, e conforme sinalou o BNG nun comunicado, BNG e CIG alertaron da invasión de competencias que, na súa opinión, realiza o Executivo central posto que é a Xunta á que lle corresponde as materias referir# a a defensa dos consumidores e usuarios. Así, reclaman a regulación do sector e a creación dunha banca pública para garantir un servizo de calidade.

"Na anterior crise bancaria, a mobilización social polo escándalo das preferentes logrou que se puxese en marcha un sistema de arbitraxe promovida pola Xunta de Galicia no exercicio das súas competencias propias, pero agora con esta nova autoridade de defensa da clientela, ese sistema de arbitraxe ou conciliación centralizaríase en Madrid, roubando capacidade de actuación e afastando o lugar de decisión, en prexuízo das persoas usuarias", sinala Néstor Rego.

De feito, asegura que, naquel conflito, tanto o Banco de España como a Comisión Nacional do Mercado de Valores tiveron responsabilidade, pois "deron a orde ou autorizaron a venda de preferentes". "Agora, estes entes formarían parte da autoridade, e de terse que investigar agora este proceso, serían xuíz e parte, terían que tomar decisións en contra dos seus propios actos", avisa.

O BNG sostén que ao longo de todo o anteproxecto fálase da autorregulación dos bancos pero considera que o Goberno "non pode dar por bo o que os poderes financeiros entenden que é máis vantaxoso", senón que "debe apostar por unha regulación do sector que de cumprimento á normativa europea e garanta os dereitos dos consumidores e usuarios".

De non facelo, segundo apunta Rego, "continuará habendo restrición de servizos, peche de oficinas, un incremento das comisións por prestar uns peor servizos e o fomento da dixitalización en detrimento de a atención presencial sen que os bancos asuman ningunha responsabilidade".

O deputado do Bloque no Congreso tamén considera que, no caso de Galicia, factores como a dispersión poboacional ou o envellecemento da poboación deberían terse en conta para manter a atención presencial.

Ademais, critica que se defenda como un avance do anteproxecto o dereito á atención telefónica das persoas usuarias de banca, cuestión que, conforme apunta, "utilizan as entidades financeiras só para a televenta". "O que debe garantir a lei é a atención presencial en oficinas próximas á persoa consumidora", subliña.

Por último, o BNG volveu a reclamar a creación dunha banca pública galega que sirva para financiar, propor e acompañar os proxectos das entidades públicas locais, colectivos emprendedores e pemes e dar unha saída máis xusta á crise económica.

Reunión do BNG e a CIG sobre o anteproxecto de lei de creación da autoridade de defensa do cliente financeiro. BNG
Reunión do BNG e a CIG sobre o anteproxecto de lei de creación da autoridade de defensa do cliente financeiro. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta