Galicia súmase á iniciativa 'Árbores para a vida' do Comité Europeo das Rexións

Ten por diante o reto de plantar 3.000 millóns de exemplares antes de 2030.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2022 | Actualizada ás 18:45

Comparte esta noticia

Galicia adheriuse á inicitiava 'Árbores para a vida', impulsada polo Comité Europeo das Rexións, organismo que celebra en Santiago de Compostela o seu terceiro encontro do ano 2022.

A suma galega ao programa, encadrado no Pacto Verde e que pretende concienciar á cidadanía sobre a importancia dos bosques na loita contra o cambio climático, escenificouse este xoves coa plantación dun castiñeiro no Gaiás.

O acto contou coa participación da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e a presidenta da Comisión de recursos naturais do comité, Ulrika Landergren, acompañadas polo titular de Medio Rural do Goberno galego, José González, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo.

Nun dos xardíns do complexo da Cidade da Cultura, que acolle este xoves e venres o encontro do Comité Europeo das Rexións, plantouse esta primeira "árbore para a vida" co que Galicia se incorpora ao reto fixado polo proxecto de plantar 3.000 millóns de exemplares antes de 2030.

A responsable de Medio Ambiente da Xunta agradeceu a elección de Galicia como sede para este encontro, que abordará na súa xornada de clausura deste venres a sustentabilidade no sector turístico co Camiño de Santiago como "exemplo". Para Vázquez, as rutas xacobeas representan "exemplos de turismo sustentable" xa que, di, é capaz de "combinar á perfección o desenvolvemento económico e a protección dos recursos naturais".

Plantación dun castiñeiro que simboliza a adhesión de Galicia á iniciativa 'Árbores para a vida', coa conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, e a presidenta da Comisión de recursos naturais do Comité das Rexións, Ulrika Landergren. XUNTA
Plantación dun castiñeiro que simboliza a adhesión de Galicia á iniciativa 'Árbores para a vida', coa conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, e a presidenta da Comisión de recursos naturais do Comité das Rexións, Ulrika Landergren. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta