Máis de vinte concellos únense ao “apagón” para concienciar sobre o cambio climático

A acción convocada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no Día do Medio Ambiente encádrase no proxecto europeo ‘People and Planet’

Por Galicia Confidencial | Ourense | 03/06/2022 | Actualizada ás 11:31

Comparte esta noticia

Unha deputación e 21 concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade uniranse este domingo, 5 de xuño, ao “apagón” convocado pola entidade con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que este ano se conmemora baixo o lema #OnlyOneEarth. A partir das 23 horas, suspenderase a iluminación pública de consistorios, prazas, igrexas, torres e outros monumentos co fin de concienciar sobre o consumo de enerxía. A acción encádrase no proxecto europeo ‘People and Planet’, que implica á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático. 

Cambio climático
Cambio climático | Fonte: WWF España.

Aínda que o consumo enerxético diminuíu en Galicia un 11,2% en 2020, tratouse dunha caída coxuntural debida ao descenso da actividade por mor da Covid-19. Segue a ser, por tanto, un tema preocupante na actualidade, polo seu impacto ecolóxico pero tamén na economía das familias, de aí que cumpra seguir fomentando o aforro de enerxía, sen deixar de lado a visión crítica sobre os actuais sistemas de produción.

Tanto as institucións como a cidadanía poden tomar medidas neste senso, como empregar o transporte público ou a bicicleta, elixir aparellos de baixo consumo, programar unha temperatura racional nos espazos pechados, encher ben a lavadora e o lavalouza ou apagar as luces e dispositivos como o ordenador cando non os utilicemos. En xeral, consumir menos e facelo dun xeito responsable contribúe a combater a emerxencia climática e, polo tanto, a manter o quecemento global por debaixo de 1,5°C neste século, o máximo aceptable para evitar consecuencias irreversibles sobre a vida do planeta e das persoas.

O “apagón ambiental” proposto polo Fondo Galego é unha das máis de 50 actividades que se están a impulsar nos concellos socios dentro do proxecto ‘People and Planet’, que van desde accións de rúa como o flashmob e a performance ata obradoiros de cociña sustentable, debuxo urbano, exposicións virtuais, retos virais, etc. Ademais, neste marco vén de poñerse en marcha en oito países a campaña ‘Water of the future’, co fin de situar na axenda pública a problemática da escaseza de auga a nivel global e as súas graves consecuencias, así como fomentar hábitos sostibles cos que contribuír a mitigar esta situación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta