Foliada da memoria histórica en homenaxe a músicos represaliados polo franquismo

A celebración terá lugar no Souto de Chousa da Porta, en Moneixas (Lalín).

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 03/06/2022 | Actualizada ás 16:50

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra organiza unha homenaxe á música e artistas galegos que padeceron a represión franquista. Será cunha 'Foliada da Memoria', que terá lugar o vindeiro sábado 2 de xullo no Souto de Chousa da Porta en Moneixas (Lalín).

Foliada da Memoria
Foliada da Memoria | Fonte: Deputación de Pontevedra.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e a deputada de Memoria, María Ortega, anunciaron este venres esta cita na carballeira lalinense, que incluirá actividades todo o día para todos os públicos e homenaxes "non só á xeración arrebatada senón tamén á que tomou a substitución para que a música non deixase de soar".

Haberá homenaxes a gaiteiros asasinados como Constante Moreda, o gaiteiro de Cabral; Manuel del Río Mandayo ou José Gómez Avelaira; e a mulleres humilladas como as irmás cambadesas Pastora e Cándida Cordal, obrigadas a tocar a pandeireta e a bailar espidas no verán do 36, para castigar o compromiso do seu irmán Castor, sindicalista asasinado; a muller de Manuel del Río, Pilar Naviera Golán, a súa irmá Maruja del Río Mandayo e a súa nai, Dolores Mandayo Montero, que gardou para sempre a trenza cortada polos falanxistas.

A decisión de centralizar a festa en Lalín, explicou Ortega, é en honra de Os Dezas de Moneixas, aquela agrupación que acompañaba nos mitins do Partido Galeguista a outro dos mártires galegos que queren homenaxear, Xesús Froiz.

Carmela Silva destacou a necesidade de "pór no centro da acción política a recuperación da memoria, que é o mesmo que recuperar a de tantas persoas que tanto achegaron á cultura, lingua, educación, e á construción dun mundo mellor onde se traballaba para que as persoas tivesen dereitos, para transformar un país que realmente necesitaba ser transformado, e que todo foi botado por terra coa ditadura".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta