Rueda, máis aberto que Feijóo ao diálogo? Disposto a "falar de todo" e "escoitar con moitísima atención" a oposición

O presidente da Xunta buscará o seu apoio para expor demandas ao Goberno central.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 04/06/2022 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

O vindeiro luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reunirase coa portavoz do BNG, Ana Pontón, e co secretario xeral do PSdeG PSOE, Valentín Formoso, nunha reunión na que as expectativas do titular do Goberno pasan por "falar de todo" e "escoitar con moitísima atención", pero advertindo que "aínda que as propostas sexan moi interesantes, outra cousa é que sexan realizables".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa intervención na reunión do Comité das Rexións celebrada en Santiago
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa intervención na reunión do Comité das Rexións celebrada en Santiago | Fonte: David Cabezón - Xunta de Galicia.

Durante estes días, tanto a portavoz do BNG como o líder socialista anunciaron unha serie de asuntos que queren expor nesta cita e, sobre eles, Rueda asegurou que lle "parecen moi ben", trasladando que "se poderá falar de todo", pero pondo sobre aviso que "o formato da reunión é o que é e o tempo dispoñible" é o que hai.

Por tanto, quixo lembrar que se trata dunha primeira reunión para "seguir falando" a posteriori "o tempo que faga falla". "Seguir falando tamén noutros foros", agregou, antes de engadir que escoitará "con moitísima atención" porque é a súa "obriga" e porque "seguro" que os seus rivais políticos "teñen propostas moi interesantes", aínda que, "outra cousa é que sexan realizables", matizou.

A predisposición verbalizada por Rueda e a xuntanza que terá cos líderes da oposición contrasta coas distancias que mantivo Feijóo para dialogar con PSdeG e BNG para chegar a acordos.

Rueda adiantou que exporá propostas que espera levar de modo conxunto á súa recepción co presidente do Goberno Central, Pedro Sánchez, unhas propostas coas que pediu que estean de acordo porque "son fundamentais para Galicia".

"Xogámonos moitísimo e gustaríame levar o seu acordo, así que lles explicarei cales son as razóns", insistiu o presidente, quen tamén dixo que se recibe "críticas lexítimas" explicaralles cales son as razóns polas que o Goberno toma determinadas decisións.

"Non é o mesmo exercer a responsabilidade de gobernar que falar desde a oposición, insisto en que, ás veces, lexitimamente pero sen todo o coñecemento ou sen a obriga de que o que se propoña sexa realmente realizable".

Entre os asuntos que lle gustaría presentar cando o reciba Pedro Sánchez están os trens Avril. "Non imos pedir nada que non nos dixesen que ía ser así, pero gustaríame acordar cos representantes da oposición para dicirlle ao presidente do Goberno que necesitamos o compromiso dos trens Avril", dixo Rueda, esixindo que "esa promesa se cumpra", aínda que con confianza de que así sexa porque "non hai ningunha noticia nin comunicación por parte do Ministerio de Fomento pola contra".

Para Rueda, estes "meses de tanta afluencia turística, de xente chegando a Galicia" demostraron as vantaxes que supón o AVE, polo que a diferenza para chegar dunhas cidades a outras ou non facelo "sería brutal se finalmente non se producise o compromiso".

"Temos un compromiso do mes de xuño e ninguén nos dixo que non se fose cumprir, sería inadmisible, de todos os xeitos preguntareillo ao presidente", insistiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta