BNG e PSdeG asisten ao encontro con Rueda con "vontade de acordo"

O PPdeG pídelles que acudan á reunión "deixando de lado intereses partidistas e abandonando o ton crispado".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2022 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

A líder do BNG, Ana Pontón, e o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, insistiron na súa vontade de chegar a acordos co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na reunión que terá lugar este luns e á que os líderes da oposición levarán propostas concretas para a Atención Primaria, as residencias e o sector eólico.

Nunha rolda de prensa celebrada este luns na Cámara galega horas antes do encontro, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou que acudirá á cita coa "mellor das vontades" e a "man tendida" para "construír en positivo" con "medidas viables". Así, incidiu en que trasladará ao titular da Xunta unha "axenda de prioridades" que, na súa opinión, "se deben de abordar de inmediato" para facer fronte á escalada de prezos, ao "colapso" na Atención Primaria e a mellora da atención sociosanitaria aos maiores.

No ámbito sanitario, volveu sinalar que proporá un plan de choque que mobilice 200 millóns de euros para a Atención Primaria co obxectivo de "sacar a sanidade pública do colapso". Así mesmo, exporá que as sete residencias que ten proxectadas a Xunta nas cidades teñan garantido un modelo de xestión pública directa como "primeiro paso" cara a un "cambio de modelo" que finalice coa privatización.

En relación á escalada de prezos, o BNG proporá á Xunta a posta en marcha dun paquete de medidas destinadas ás rendas máis baixas e aos sectores económicos máis afectados que permita mobilizar 700 millóns en accións como a alza do complemento autonómico das pensións non contributivas e un paquete de axudas directas aos sectores produtivos afectados a alza dos custos.

Ademais, a líder do Bloque destacou que pedirá "paralizar" o "boom eólico depredador" para apostar por un modelo eólico "exemplar no plano ambiental", que "respecte o medio rural e a súa xente" e que non estea en mans do "lobby enerxético".

PROPOSTAS DOS SOCIALISTAS

Pola súa banda, noutra rolda de prensa ofrecida no Pazo do Hórreo, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, asegurou que o líder da súa formación, Valentín González Formoso, acudirá á cita con "expectativas de chegar a acordos" pero rexeitou que esta se limite a "reforzar o enfrontamento da Xunta co Estado". 

O dirixente socialista subliñou que, "por moito que se empeñe o PP", o PSdeG non é "sucursalista". "Temos clara nosa vertente galeguista e imos defender os intereses de Galicia se é necesario confrontando co Goberno do Estado pero reivindicado a necesaria complicidade e compromiso desde o punto de vista das competencias autonómicas que son moitas", indicou.

Neste sentido, volveu trasladar que Formoso proporá acordos no ámbito sanitario convencido da necesidade de tomar medidas pero tamén de dotalas de orzamento para "resolver o colapso sanitario" que afecta xa a "todos os ámbitos do sistema". Ademais, pedirá garantir a atención en primaria nun prazo máximo de 48 horas. Outro dos asuntos que trasladará, apuntou, será un novo modelo de atención ás persoas maiores que promova as residencias de titularidade pública, cunha dirección en "mans de persoal público", así como o reforzo dos inspectores que controlan estes servizos.

O líder do PSdeG tamén proporá a Rueda a creación dunha axencia enerxética que detecte os proxectos que permitan garantir o futuro das empresas galegas tractoras e, ademais, "con presenza pública no accionariado deses proxectos". "Queremos unha implantación enerxética ordenada, respectuosa co medio ambiente e co sector agrario e gandeiro que deixe beneficios na comunidade", sinalou.

"O PPdeG e Rueda poden contar co PSdeG para aqueles acordos de país que sexan necesarios. O PSdeG vai estar á altura das circunstancias e vai priorizar os intereses dos galegos sobre ningún tipo de política partidista, porque iso é o que reclama a cidadanía", asegurou.

"MÁXIMO INTERESE DE ACORDAR POSTURAS COMÚNS"

Pola súa banda, un dos viceportavoces parlamentarios do PPdeG, Alberto Pazos, mostrouse "convencido" de que Rueda acudirá á reunión coa "man tendida" e o "máximo interese en acordar posturas comúns" sobre as demandas de Galicia a defender ante o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Con todo, asegurou que hai "antecedentes" que "non implican optimismo". Así, asegurou ter por unha banda esperanzas de que se cheguen a acordos de país en materias como a sanidade, os servizos sociais, a distribución de fondos ou o desenvolvemento industrial pero, por outra, considerou que a oposición "está afastada da realidade" e das "preocupacións dos galegos", con "propostas irrealizables" e "cheas de demagoxia que nada axudan a chegar a acordos viables".

Así, referiuse ás propostas de Pontón para destinar 200 millóns á Atención Primaria e 700 para facer fronte á alza de prezos para criticar que non "concrete de que partidas se reducirían" ou cales "pretenden eliminar". "Que nos expliquen de onde pensan sacar o diñeiro para estas propostas", dixo.

"POUCA FE"

Por outra banda, nun comunicado, Podemos Galicia trasladou a súa "pouca fe" no resultado destas reunións coa oposición e pediu a Alfonso Rueda que, en materia sanitaria, asuma as competencias do Sergas e traballe para paliar as carencias de persoas e de recursos "no canto de responsabilizar o Goberno do Estado como ocorreu con Alberto Núñez Feijóo á fronte do Goberno galego".

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, nunha rolda de prensa na Coruña. DEPUTACIÓN DA CORUÑA
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, nunha rolda de prensa na Coruña. DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, intervén tras a súa primeira reunión co presidente da Generalitat, Pere Aragonés, no Palau da Generalitat, a 26 de maio de 2022, en Barcelona, Cataluña (España). O encontro ten como obxectivo abordar. David Zorrakino - Europa Press
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, intervén tras a súa primeira reunión co presidente da Generalitat, Pere Aragonés, no Palau da Generalitat, a 26 de maio de 2022, en Barcelona, Cataluña (España). O encontro ten como obxectivo abordar. David Zorrakino - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta