Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/06/2022 | Actualizada ás 15:48
A Comisión de Agricultura do Congreso aprobou este martes, con apoio de todos os grupos, agás o PSOE, que se abstivo, unha iniciativa do PP que insta o Goberno central a localizar o pecio do barco 'Villa de Pintanxo' e a analizalo para descubrir as causas do naufraxio que provocou o seu afundimento o pasado 15 de febreiro a 450 quilómetros de Terranova (Canadá), con 21 falecidos.
Ao mesmo tempo, na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia debateuse unha proposición non de lei sobre o mesmo tema, que foi aprobada por unanimidade, co apoio do PP, do BNG e do PSdeG, que nesta ocasión si votou 'si', a diferenza que no Congreso.
Este mandato ao Executivo sae adiante un día despois de que o xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno acordase retirar o pasaporte ao patrón do pesqueiro galego, Juan Padín, despois da súa declaración como imputado pola súa presunta responsabilidade no afundimento do buque.
En concreto, a Cámara baixa instou o Goberno a pór en marcha un dispositivo de procura da embarcación e que, unha vez localizado o buque, se baixe ao pecio cun robot e para facer unha análise fotográfica que axude a esclarecer as causas do naufraxio. O encargado de defender a iniciativa foi o portavoz de pesca dos 'populares', Joaquín García Díez, quen apremou o Executivo a pór xa en marcha o dispositivo de procura porque despois do mes de agosto será "inviable".
A proposición non de lei aprobada recrimina ao Goberno que "coas solucións técnicas e económicas ofrecidas pola Xunta de Galicia e unha empresa norueguesa", entre outros, non se activou aínda a procura do buque, unha operación viable segundo os expertos, en contra do defendido polo Executivo.
"Abandonar as familias non é unha opción e investigar o ocorrido pode axudar no futuro a evitar acontecementos tráxicos como este", remarca o texto que saíu adiante, no que tamén se menciona que o presidente Pedro Sánchez, prometeu ás familias das vítimas "facer todo o que estivese na súa man" para esclarecer as causas do naufraxio.
Pola súa banda, familias dos 21 falecidos no naufraxio do pesqueiro lamentaron que o PSOE se abstivese. Para a portavoz das familias, María José de Pazos, é "triste" que o Partido Socialista se absteña ante unha petición de "xustiza" e de "humanidade", xa que os familiares buscan o "consolo" de saber cal foi a causa. Neste sentido, preguntouse cales son os intereses do PSOE para non baixar ao pecio. "Tento comprender por que votaron isto, en que se sustenta e non atopo explicación", engadiu.
POLITIZACIÓN
A deputada socialista criticou a "politización" desta traxedia e indicou que na actualidade nin o xulgado que se encarga de investigar os feitos nin a Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos solicitaron que se baixe ao buque. Por iso, pediu unha emenda que recollese que se solicite a baixada ao barco sempre que algunha destas dúas investigacións o soliciten, a cal foi rexeitada. Aínda así, o PSdeG votou a prol da proposta do mesmo xeito que o PP e o BNG.
Desde o BNG, María do Carme González lamentou o "triste" que é que en pleno século XXI se siga discutindo este tema coa tecnoloxía que existe e máis despois de que a Audiencia Nacional atopase indicios de posibles delitos de homicidio por imprudencia.
QUERELA POR HOMICIDIO
O xuíz da Audiencia Nacional (AN) Ismael Moreno admitiu a trámite unha querela dos familiares dos 21 falecidos do 'Villa de Pitanxo' contra o patrón do barco, Juan Padín, e a armadora, Pequerías Nores Marín, por presuntos delitos de homicidio por imprudencia grave, contra os dereitos dos traballadores e encubrimento.
Moreno, nun auto do 31 de maio, decidiu admitir a querela só con respecto a Padín e a armadora, pero excluíu a Eduardo Rial, o sobriño do patrón, porque xa fora citado a declarar este luns na AN, "sen prexuízo do que resulte das dilixencias a practicar", segundo sinala o titular do Xulgado Central de Instrución Número 2.
Fontes xurídicas comunicaron que o xuíz Moreno é o competente para tramitar esta querela, que foi presentada o pasado 26 de outubro, ata que decida se expón ou non unha cuestión de competencia ao Tribunal Supremo. Segundo o auto, a Fiscalía opúxose á petición de imputar a Eduardo Rial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.