Escolares reclaman no Parlamento "igualdade de oportunidades" entre centros rurais e urbanos

Prevención de suicidios e educación sexual, entre as demandas do cento de alumnos de seis centros que ocuparon un escano este martes.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/06/2022 | Actualizada ás 15:56

Comparte esta noticia

O hemiciclo do Parlamento de Galicia acolleu este martes a celebración dun pleno infanto-xuvenil enmarcado nas accións de apoio á Campaña Mundial pola Educación, no que os escolares reivindicaron a "igualdade de oportunidades" entre os centros educativos do rural e os urbanos.

Celebración do pleno infanto-xuvenil no Parlamento de Galicia (Santiago de Compostela)
Celebración do pleno infanto-xuvenil no Parlamento de Galicia (Santiago de Compostela) | Fonte: Parlamento.

A este pleno acudiron preto de 100 alumnos de seis centros educativos galegos: CEIP Labarta Pose, de Zas (A Coruña); CEIP Víctor Saénz, en San Cosme de Antes (A Coruña); CEIP Raquel Camacho de A Coruña; CEIP As Vendas da Barreira, en Rió (Ourense); CEIP Virxe da Cela, en Monfero (A Coruña), eIES Aguiar de Betanzos (A Coruña).

Durante o acto, os alumnos trasladaron as súas peticións aos parlamentarios en nome da comunidade educativa. As demandas máis repetidas foron a renovación das infraestruturas educativas, o aumento do persoal docente, a adaptación das instalacións para o alumnado con mobilidade reducida e formación en prevención de suicidios e educación afectivo-sexual.

Así mesmo, tamén interveu o estudante da Universidade de Santiago de Compostela do Grao en Educación Social Diego López, que reivindicou a figura dos educadores sociais como "fundamentais" nos centros educativos e demandou a mellora das condicións laborais do equipo docente.

O presidente do Parlamento galego, Miguel Anxo Santalices, dirixiu o acto xunto ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, e a representante da Campaña Mundial pola Educación, Pilar Orenes, que é ademais a directora xeral da ONG de cooperación global para o desenvolvemento 'Educo'.

Santalices incidiu na "necesidade" de garantir unha formación "transformadora, equitativa e de calidade", e animou ao alumnado presente a ser deputados nun futuro. "sente un orgullo ao poder facer algo pola nosa terra", afirmou o presidente parlamentario.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta