"Os cus grandes están de moda": denuncian un novo contido machista na CRTVG

A dirección dos medios públicos "négase" a retirar un chío relacionado co programa 'Fun polo aire' que "afonda na cousificación e sexualización da muller", sinala a Comisión de Igualdade.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2022 | Actualizada ás 19:19

Comparte esta noticia

A Comisión Negociadora do Plan de Igualdade da CRTVG vén de emitir un comunicado no que denuncia un novo caso de difusión de contido machista no programa 'Fun polo aire'. Trátase dunha reportaxe sobre cirurxía plástica que "incumpre todos os mandatos en materia de igualdade e non discriminación por razón de sexo", explica a Comisión, que asegura que o contido "teima en cousificar, sexualizar e reproducir unha imaxe estereotipada da muller· relacionada con "como conseguir uns glúteos perfectos".

Chío da CRTVG denunciado pola Comisión de Igualdade por contido machista
Chío da CRTVG denunciado pola Comisión de Igualdade por contido machista | Fonte: CRTVG

Se ben o programa está elaborado por unha produtora audiovisual externa, a Comisión matiza que a CRTVG é a responsable do control dos contidos que se emiten, ao igual que dos termos nos que se publicitan e difunden estes contidos nas redes. "Nesta ocasión, encargáronse lamentablemente de amplificar o que puido ser unha única emisión ao enlazar nun chío o vídeo cuestionado".

A Comisión Negociadora do Plan de Igualdade solicitou á empresa a primeira hora deste mércores a retirada do chío, mais a estas horas continúa publicado. Ademais, as

representantes sindicais do persoal urxiron a establecer desde a Dirección da Área de Contidos da CRTVG contacto coa produtora para "evitar que se repitan estes contidos inapropiados", e pediron á Xefa do Servizo de Extensión Audiovisual que ordenase a retirada deste contido das redes propias.

A actuación "urxente" solicitada pola Comisión deu co muro do argumento da "falta de competencias na materia de contidos" das diversas xefaturas interpeladas, que, segundo indican dende a Comisión, "esquivaron, unha tras outra, unha responsabilidade que, en materia de xénero, debe ser transversal e atinxir e toda a estructura directiva da organización".

A "reiteración" deste tipo de contidos na CRTVG e a "falta de reacción e compromiso" por parte da actual dirección "torna xa imprescindible a creación da figura da Editora de Igualdade, que tería a encomenda de velar, concienciar e asesorar na difusión de contidos sen nesgos de xénero nin machismos en todas as súas formas", recollen no comunicado as negociadoras do Plan de Igualdade.

"Mentres a dirección non demostre un compromiso real coa loita contra o machismo e a prol da igualdade en todos os seus aspectos, carece de sentido a publicación sobre o papel dun Plan de Igualdade que, contra o que argumenta a empresa, debe trascender o ámbito estrito das relacións laborais e abordar de vez a cuestión dos contidos que, nos medios públicos de comunicación do país, deben ser aínda se cadra máis escrupulosos e respectuosos", proseguen.

Por iso, as representantes dos sindicatos na comisión instan á dirección a "deixar atrás os tempos do desleixo" por esta materia e esixen a "rectificación inmediata" de calquera comportamente impropio no campo da igualdade, "que a estas alturas resulta xa intolerable e vergoñento". Neste sentido, as denunciantes lembran que a omisión de accións de corrección  vulnera o principio recollido nos Criterios Reitores da Dirección Editorial da Corporación que establece "a promoción activa da igualdade entre homes e mulleres, que inclúe a igualdade de trato e de oportunidades, o respecto á diversidade e á diferenza, a integración da perspectiva de xénero, o fomento de acción positivas e o uso de linguaxe non sexista".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta