Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2022 | Actualizada ás 13:42
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este xoves, xunto á directiva de Mulleres Salgadas, os cursos de competencias dixitais que ofrece esta asociación, a primeira e única de ámbito autonómico galego de mulleres do sector pesqueiro. Constituíuse en decembro de 2016 coa denominación de Asociación de Mulleres do Mar de Arousa e actualmente representa a 1.600 traballadoras.
"Ou noso e a-mar" ou "somos tela mariñeira" son algúns das lemas coas que este colectivo pioneiro e aglutinador reivindica o sentir das mulleres do mar e recoñece e pon en valor o traballo feminino neste ámbito. O obxectivo principal da asociación consiste en mellorar a situación das traballadoras galegas do mar e actividades relacionadas, e prestar atención especial á escasa presenza de mulleres en postos de dirección e decisión.
A presidenta de Mulleres Salgadas, Dolores Gómez, explicou que serán dous cursos: un de alfabetización dixital para maiores de 55 anos e outro de participación cidadá con tecnoloxías dixitais, co obxectivo de "derrubar as barreiras que as afastan dos postos de responsabilidade".
Estes cursos, de dez horas cada un, impartiranse entre xuño e xullo nas localidades de Vilagarcía, A Illa de Arousa, O Grove, Vilanova e Cambados. Coa alfabetización dixital perséguese que "non se sintan desprazadas" por non ter coñecementos como o manexo do correo electrónico, da mensaxería instantánea, realizar unha videochamada, navegación por Internet, uso da aplicación do Sergas, as redes sociais ou a banca electrónica en dispositivos móbiles.
No curso de participación cidadá a través das tecnoloxías dixitais ensinarase ás participantes a manexarse cos principais tipos de acreditación dixital, operacións telemáticas básicas como certificados ou xestións coa Seguridade Social, Facenda ou coa sede electrónica da Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.