Formoso pide á Xunta "melloras laborais" para o persoal sanitario ante o "colapso" no sistema

Esixe a dimisión do xerente da área sanitaria de Ourense por suxerir "que o Concello puxese piso" a profesionais, proposta que o Sergas nega.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2022 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamou á Xunta de Galicia que poña encima da mesa incentivos e melloras laborais para atraer profesionais sanitarios e resolver o "colapso e a saturación" do sistema.

Así o esixiu tras participar este xoves nunha concentración en defensa da sanidade no Hospital de Valdeorras, na que lle afeou ao Goberno galego a súa xestión dos últimos 13 anos e reivindicou un sistema que vexa, neste caso, Valdeorras como "un sistema atractivo no que vivir".

Neste sentido, Formoso esixiu ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) que garanta as coberturas e que "non haxa vacantes tan escandalosas" como as que se observan nesta área.

Ademais, emprazou o presidente da Xunta, Alfosno Rueda, a que "tome cartas no asunto dunha vez por todas" e se faga cargo dunha situación que "preocupa enormemente á comarca", cun hospital que "ten que dar servizo a todo un distrito sanitario que adoece de falta de persoal desde hai moito tempo".

Así, sostivo que o hospital comarcal carece de "20 profesionais sanitarios" e "só ten cinco especialistas" para atender toda unha comarca" e afrontar a tarefa "con dous únicos facultativos".

DIMISIÓN DO XERENTE

Na súa intervención, así mesmo, o xefe de filas dos socialistas galegos considerou que o xerente da área sanitaria de Ourense, Félix Rubial, debería dimitir por propor ao Concello que poña pisos a disposición do persoal facultativo. "Un país serio como Galicia ten unha poboación que merece dignidade política" e un goberno que dispoña dun sistema sanitario con condicións laborais adecuadas para atraer o persoal, sostivo.

Respecto diso, fontes da área sanitaria consultadas por Europa Press negaron que houbese calquera tipo de "proposta, suxestión ou petición" deste tipo por parte do xerente. Ademais, sinalan que, de feito, a idea partiu dun edil do BNG no Barco, Xesús Vilasánchez, que forma parte da xunta de persoal do distrito sanitario.

Precisamente, consultado por Europa Press, este concelleiro detallou que a súa proposta instaba o Consistorio a ofrecer similares condicións a especialistas e facultativos de especialidades de difícil cobertura, para que accedan a desempeñar prazas no Hospital Público de Valdeorras, que ofreza o Concello de Verín.

O debate prodúcese ao ter coñecemento de que hai ofertas a persoal de pediatría para cubrir prazas no muninicipio verinés. O Concello de Verín chegou ofrecer en 2019 casa gratis a pediatras que aceptasen incorporarse ao hospital.

VISITA DE FORMOSO A VALDEORRAS

Valentín González Formoso viaxou este xoves á comarca de Valdeorras, onde participou na concentración celebrada ante o hospital comarcal tras manter un encontro co alcalde, Alfredo García, e os rexedores de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez, e Petín, Raquel Bautista.

Tras iso, mantivo un encontro co clúster da lousa, no que tamén participaron o alcalde do Barco, o senador Miguel Bautista e o secretario provincial do PSdeG, Rafael Rodríguez Villarino. Xa pola tarde manterá unha reunión co Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras e visitará a Cooperativa do Barco.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, nunha protesta ante o Hospital de Valdeorras. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, nunha protesta ante o Hospital de Valdeorras. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta