Case un cuarto da poboación galega recibe de auga a través de comunidades de usuarios ou de pozos particulares

O parlamentario do Bloque Luís Bará manifestou a súa satisfacción ao considerar que a Xunta dá "marcha atrás" nas condicións de renovación das concesións das comunidades veciñais de auga.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 09/06/2022 | Actualizada ás 17:48

Comparte esta noticia

En Galicia o 24% da poboación se autoabastece a través de comunidades de usuarios ou de pozos particulares, segundo detallou este xoves a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, na Comisión 2º do Parlamento.

Así o sinalou en resposta a unha pregunta formulada polo deputado do BNG Luís Bará e na que destacou que a Xunta destinou desde 2020 máis de 1,5 millóns de euros á concesión de axudas ás comunidades de usuarios de abastecemento.

Teresa Gutiérrez explicou que estas subvencións teñen como obxectivos a mellora da calidade da auga, do estado das instalacións de captación, da potabilización e o almacenamento, e a adquisición de dispositivos de medición do caudal.

Na súa intervención, da que informou a Xunta nun comunicado, destacou que en Galicia o 24% da poboación se autoabastece a través de comunidades de usuarios ou de pozos particulares, figuras reguladas na Lei de Augas estatal, nos regulamentos de Dominio Público Hidráulico e na Lei de Augas de Galicia.

Así mesmo, detallou que na Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa hai inscritas un total de 1.432 comunidades de usuarios, que as concesións deben axustarse ao Plan Hidrolóxico Galicia-Costa vixente e serán outorgadas por un prazo máximo de 20 anos.

A directora xeral explicou que estas concesións están suxeitas a diversos requisitos, entre eles, a instalación dun contador para controlar os caudais ou volumes establecidos e a realización de análise de acordo coa normativa técnico-sanitaria vixente.

Ademais, apuntou que a Xunta traballa nos plans municipais de abastecemento autónomo, un proxecto piloto que se está levando a cabo en seis concellos galegos: Mondariz, Oia, Cerdedo-Cotobade, Oímbra, Baleira e San Xoán de Río.

Este proxecto, cun orzamento autonómico de 900.000 euros, ten como obxectivos mellorar o coñecemento sobre os sistemas de abastecemento autónomo e promover as actuacións necesarias para asegurar o nivel de garantía do servizo que prestan.

POSTURA DO BNG

Pola súa banda, o parlamentario do Bloque Luís Bará manifestou a súa satisfacción ao considerar que a Xunta dá "marcha atrás" nas condicións de renovación das concesións das comunidades veciñais de auga, ás que, nalgúns casos, "xa lles comunicou a redución da concesión a 10 anos e a obrigación de conectarse ás redes municipais".

O deputado do Bloque, de cuxa intervención informou a formación nacionalista noutro comunicado, avisou da preocupación e alarma xerada entre as comunidades veciñais de augas por un "cambio de criterio" do Goberno galego que supuña "restrinxir" tanto a duración como as concesións a partir do ano 2019.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, na Comisión 2º do Parlamento.. XUNTA
A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, na Comisión 2º do Parlamento.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta