Unha Galicia da cidadanía

Os movementos e correntes cidadás que pretenden devolver Barcelona (Guanyem), Madrid (Municipalia), Málaga (Ganemos Málaga), A Coruña (Marea Atlántica)… aos seus habitantes son cada vez máis, e están comezando a organizarse de cara a conformar unha posible candidatura para os comicios municipais que se aproximan. Por que esta motivación? Perdeu todo o crédito a política actual, lastrada pola actuación dun bipartidismo case atroz? Quizais si sexa agora o momento do cambio. Obras, obras e máis obras, máis de 50000 parados, desafiuzamentos, un gasto en touradas que a meirande parte da cidadanía rexeita, multas a cidadáns que rebuscan entre o lixo mentres que os políticos corruptos seguen nos seus cargos sen un chisco de vergoña… Parece que a cidade da Coruña ten motivos máis que suficientes para tratar de conformar unha alternativa nova, aberta e, sobre todo, que se afaste da política tradicional e derrube os muros construídos arredor da actividade política.

Por Roberto Carro Vázquez | A Coruña | 01/08/2014

Comparte esta noticia
Os retos aos que se enfrontan estas novas alternativas non son poucos. Primeiro, concienciar á cidadanía da importancia da política, na que todos poden implicarse, e tratar de que a xente confíe en que non está todo perdido, que a situación si pode cambiar quitándolle o poder aos que levan con el anos e anos, eses que se rin dos cidadáns dende a súa acomodada posición. Probablemente este é o reto máis difícil, pois leva implícita a construción dunha alternativa sólida, con respostas e solucións e non só con queixas e demandas. Ademais, e dado que a día de hoxe non son poucos os problemas que os coruñeses teñen que afrontar como para deixarse atrapar polas cuestións políticas, a comunicación e difusión da iniciativa deberá ser clara, directa e ilusionante se quere convencer.
 
Por outro lado, é importante que se marquen unhas claras prioridades e que se estableza unha organización que garanta que a achega de todos e cada un dos participantes se teña en conta, integrando así mesmo a plataformas cidadás (como por exemplo a PAH) e a membros dos novos movementos e partidos que avogan polo cambio, entre os que nos atopamos EQUO e a Rede EQUO Xove, aportando tamén ideas firmes e a experiencia da ruta percorrida ata o momento. É por isto que eu asinei a iniciativa, para aprender, aportar e construír unha cidade que non perda a súa esencia.
 
Por suposto, e para poder comezar a traballar desta forma, é necesario formar á xente que se involucre, e manter sempre mecanismos de participación abertos, permitindo que se faga efectiva a fórmula seguinte: “dende os cidadáns e para os cidadáns”. 
 
Noutras cidades e vilas galegas a situación é similar, e nalgunhas tamén está comezando a fraguarse o cambio, como pode ser o caso de Ames. Os cidadáns están fartos da corrupción, da ancoraxe na vella política, de ver como as súas necesidades permanecen desatendidas. Poderán estenderse estes movementos, da maneira axeitada e mantendo o seu espírito de cambio polo resto da xeografía galega? Serán capaces de transmitir á poboación que son unha boa opción? Estes meses serán a clave para ver se sentan uns sólidos alicerces ou quedan en pequenas nubes de fume.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Roberto Carro Vázquez Nacín en A Coruña en 1992. Estou a finalizar o último curso do Grao en Biotecnoloxía na Universidade de León. Atópome a cabalo entre estas dúas cidades. Son membro da Rede EQUO Xove Galicia (organización política xuvenil que ten como referente a EQUO Galicia) dende setembro do 2013, e é a opinión desta organización a que aquí traslado. Ademais, colaboro en diversas tarefas de EQUO Galicia dende comezos de 2014. Ecoloxía política, dereitos humanos e democracia participativa como piares. O futuro é verde. @RQX_Galicia