Pontón, ante a suba do IPC: "Ata cando vai seguir o Goberno do PP cruzado de brazos?"

A líder nacionalista reclama descentralización e que os Next Generation cheguen ás pemes galegas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2022 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, puxo o foco na subida "imparable" do IPC en Galicia, cun 9,6 por cento --un punto por encima da media estatal nun país coas pensións e salarios á cola--, "que afoga as familias, clase traballadora e as pequenas e medianas empresas". "Ata cando vai seguir o Goberno do PP cruzado de brazos?", preguntouse.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, visita as instalacións de Coregal
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, visita as instalacións de Coregal | Fonte: Europa Press

Neste sentido, e en declaracións aos medios, Pontón volveu a pór encima da mesa propostas da formación para paliar o impacto da inflación, con axudas aos colectivos con menore nivel de ingresos e ao tecido de pemes, coa mobilización para iso 700 millóns de euros que permitan sufragar medidas como o incremento do complemento autonómico das pensións non contributivas.

Outra das medidas que reiterou Pontón é aumentar a Risga e facela compatible co ingreso mínimo vital, xunto con subir axudas para gastos básicos de vivenda ás persoas con menores rendas, tendo en conta que é unha dos aspectos que máis soben, cun 21,8 por cento, posto que computa o aumento de gastos de vivenda, auga, luz ou gas.

Xunto con isto, Pontón puxo encima da mesa a necesidade de dar axudas directas a pequenas e medianas empresas dos sectores produtivos impactados pola espiral inflacionista.

"MEDIDAS VIABLES SE HAI VONTADE POLÍTICA"

"Son medidas viables se hai vontade política e, por iso, pedímoslle ao Goberno do PP que deixe de ter os brazos cruzados e que actúe", reclamou Ana Pontón, quen tamén urxiu medidas estruturais, como un tope máximo para o prezo da luz e dos carburantes para evitar o que está a suceder, coa subvención de 20 céntimos que acaba "drenando recursos públicos" ás empresas petroleiras sen corrixir á baixa o prezo.

Pontón tamén propón unha subida de impostos ás eléctricas, para que contribúan "coas súas multimillonarias ganancias a paliar a crise" e cambios normativos para "acabar coa aberración" dos "beneficios caídos do ceo" e a "posta en marcha dunha empresa pública de enerxía" como teñen outros países europeos.

A líder do BNG advertiu do momento de "extrema dificultade económica" que está "a pór en perigo a supervivencia de moitas pemes". "E non pode ser que mentres temos á cidadanía en dificultades, o Goberno da Xunta siga de brazos cruzados sen tomar ningunha decisión no seu ámbito de competencias", sentenciou.

NEXT GENERATION

Ana Pontón mostrou tamén este venres a súa "preocupación" pola xestión e distribución que se está levando a cabo cos fondos Next Generation, unha preocupación xeral sobre a que lamentou que non se buscasen "alianzas" no Estado para a "descentralización" da xestión. Pontón lamentou que "ese deseño centralizador é compartido tanto polo PP como polo PSOE, a pesar de ser prexudicial" para este país.

A líder nacionalista, a raíz da reunión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, coa vicepresidenta económica do Goberno, Nadia Calviño, manifestou tamén a súa preocupación porque "non se coñece ningún proxecto importante para Galicia", algo que lle trasladou ao xefe do Executivo autonómico.

Así mesmo, a dirixente nacionalista apuntou que non se está seguindo "unha estratexia intelixente" e lamentou a "opacidade". Fronte a iso, o Bloque propón "descentralización" e que eses fondos se fagan chegar á pequena e media empresa, porque, pola contra, será unha "nova oportunidade perdida" como na crise de 2009.

Aínda que non coñece en concreto o tenor da conversación de Rueda e Calviño, Pontón incide en que Galicia "non pode quedar discriminada na repartición de fondos e deben chegar ao tecido empresarial galego".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta