O PPdeG insiste en "baixar impostos" para facer fronte á alza dos combustibles

"O lóxico é que o Goberno poña diñeiro nos petos dos cidadáns e non lle estea quitando o diñeiro dos petos das empresas", indica a secretaria xeral, Paula Prado.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2022 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, insistiu na necesidade de que o Goberno baixe os impostos para facer fronte á alza dos combustibles nun contexto no que a subida dos prezos "comeu" as axudas habilitadas polo Executivo estatal.

Así o manifestou este venres en rolda de prensa ao ser preguntada pola situación dos combustibles e os datos da inflación coñecidos este venres e que indican que o Índice de Prezos de Consumo (IPC) se dispara en Galicia un 9,6% en maio, case un punto por encima que a media estatal.

Respecto diso, Paula Prado, que lembrou que nun primeiro momento se falaba dunha axuda do Goberno de "50 céntimos", sinalou que agora parece que vai ser de "15 céntimos" nun contexto no que a subida do prezo xa comeu todo o apoio. "O lóxico é que o Goberno poña diñeiro nos petos dos cidadáns e non lle estea quitando o diñeiro dos petos das empresas, os autónomos e as pemes", indicou.

Fronte a iso, a dirixente popular subliñou que a proposta do PP "sempre foi clara" e que, desde o primeiro momento, Alberto Núñez Feijóo, puxo encima da mesa ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, un plan de rebaixa de impostos do que "en ningún caso" o socialista "quere falar". "O fundamental é baixar os impostos aos cidadáns para que estes teñan máis diñeiro nos petos", apuntou.

Ademais, criticou que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, bote a culpa a Putin sobre a inflación cando "xa estaba moi por encima antes da guerra". "Botar a culpa cando outros países teñen a metade de puntos non deixa de ser absolutamente sorprendente", sostivo. Por iso, considerou que "Sánchez non pode saír á rúa sen que a xente lle diga á cara que o está facendo mal". "A xente está a pasalo mal", subliñou.

ACTUACIÓN DA XUNTA

En contraposición, puxo en valor a xestión da Xunta ao destacar que fai todo o que pode, como "baixar impostos", habilitar axudas a empresas e aos sectores afectados. "O que é imposible é axudar os sectores que Sánchez está a fundir, porque as competencias en materia industrial son estatais e se se funde a industria, elimínanse postos de traballo fundamentais, dificilmente as axudas do Goberno da Xunta poden chegar a máis sitios", apuntou.

REUNIÓN DE RUEDA COA MINISTRA CALVIÑO

Paula Prado referiuse á reunión que manterán na tarde deste venres o presidente galego Alfonso Rueda e a vicepresidenta Nadia Calviño, ao asegurar que esta última ten a oportunidade de demostrar que o seu Goberno quere ir nunha boa dirección. "A nosa comunidade espera moito do Executivo central en materia industrial e espero sinceramente que unha galega como ela non decepcione", dixo Prado.

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, en rolda de prensa. PPDEG
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, en rolda de prensa. PPDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta