As mulleres representan menos do 20% das opinións publicadas en medios escritos galegos

Denuncian que as poucas que poden opinar reciben odio e insultos a diario en redes sociais. Mercedes Milá intervirá o sábado en 'As mulleres que opinan son perigosas'.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/06/2022 | Actualizada ás 18:04

Comparte esta noticia

O quinto encontro de mulleres xornalistas 'As mulleres que opinan son perigosas' contou cos testemuños de oito profesionais da información, nunha cita na que se destacou que elas representan menos do 20% das opinións nos medios escritos galegos.

Xornalistas Galegas, na manifestación do 8M de 2020, Día Internacional da Muller
Xornalistas Galegas, na manifestación do 8M de 2020, Día Internacional da Muller | Fonte: xornalistasgalegas.org.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde en funcións de Pontevedra, Tino Fernández, inauguraron este foro que conducen as xornalistas Diana López Varela e Susana Pedreira, que abriu a xornada cunha radiografía da escasa presenza de firmas femininas nos medios de comunicación.

Unha situación que pouco cambiou nos últimos anos xa que, a día de hoxe, segundo os datos ofrecidos, as mulleres non representan nin o 20% das opinións nos medios escritos galegos, son minoría nos faladoiros informativos da mañá en radio e as poucas que poden opinar reciben odio e insultos a diario en redes sociais.

Diana López saíu ao paso da manida pregunta "de que opinan as mulleres?" para lembrar: "Somos a metade do mundo e o que contamos son temas tan universais como dos que falan eles". "Sería absurdo pensar que as mulleres só falan do que clasifican como 'temas de mulleres'".

Pola súa banda, Carmela Silva expresou o seu enfado porque "temos que aguantar que os medios nos invisibilicen ou que os homes nos conten cousas dos nosos propios corpos. Debates sobre ventres de aluguer sen mulleres? É intolerable".

Tamén Tino Fernández lamentou que se vive "un momento de regresión, onde resulta facilísimo difundir noticias falsas que denigran as mulleres". Como responsable político considera que é o seu "deber loitar contra esta situación".

A continuación, tivo lugar a primeira das intervencións a cargo de Carolina Sertal, sobre o xornalismo local, na que puxo exemplos de como un mesmo tema se pode tratar de maneiras tan diferentes "non é cuestión de ser muller, senón de perspectiva de xénero. Non nacemos feministas, chegamos a selo".

Seguidamente, María Varela, Inma López Silva e Diana López Varela presentaron "4 anos e 1 pandemia",que é o tempo transcorrido desde a súa participación no primeiro foro de 'Mulleres que opinan'. "Nestes catro anos vivimos unha reacción hostil e violenta que se manifesta na nosa presenza pública. Pasamos de feministas a feminazis", sostén López Silva.

"Hoxe escóitanse cousas que hai catro anos eran impensables e considerabamos debates superados, como a barbaridade de que a violencia de xénero non existe", apunta María Varela. "É a primeira vez desde o 2012 en que non me atrevo a falar de todos os temas que se están debatendo no feminismo", agrega Diana López Varela.

MÁIS VOCES

Durante esta sesión matutina tamén interveu a xornalista, ex editora e autora de 'Fármaco', Almudena Sánchez, que disertou sobre a depresión e a enfermidade mental. "A miña depresión comezou cando vin que as mulleres somos unha parte do mundo, pero non iguais", narra.

Durante a súa educación "non atopaba referentes femininos e as nenas necesítanos". "Convertinme en escritora para alzar a miña voz e poder opinar", indica.

Paloma del Río, xornalista deportiva en RTVE, pechou a sesión de mañá cunha charla sobre olimpismo na que falou do papel da muller ao longo da historia do deporte, "que sempre tivo que loitar contra prexuízos e estigmas" e deixou algúns datos sorprendentes como que "a chegada da bicicleta fixo máis pola emancipación das mulleres que ningunha outra cousa no mundo".

"Fun e quero seguir sendo como unha pinga malaia, non me cansarei de loitar pola igualdade real no deporte", finalizou.

As conferencias retomáronse pola tarde con Estefanía Molina, Joana Bonet, Mamen Mendizábal e Ángeles Caballero.

O encontro continuará o sábado coa intervención doutras 9 profesionais, entre elas Mercedes Milá, que pechará esta quinta edición.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta