O aeroporto de Santiago recibe este ano un 70% máis de viaxeiros que no Xacobeo 2012

A chegada do AVE tamén incrementa un 80% o uso do tren, aínda que baixan considerablemente os autobuses.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/06/2022 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

Desde o último Ano Santo, en 2010, ata este 2022, cambiaron moito as preferencias de viaxeiros á hora de chegar a Santiago de Compostela. En concreto, o aeroporto de Santiago recibe agora un 70% máis de turistas que hai 12 anos e, coa chegada do AVE, incrementáronse tamén os usuarios do tren. No outro lado da balanza, os autobuses turísticos que chegan á cidade baixaron un 61%.

O Aeroporto Rosalía de Castro de Santiago
O Aeroporto Rosalía de Castro de Santiago | Fonte: Europa Press

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, proporcionou este luns estes datos, que dan conta da evolución do transporte á cidade e os bos datos de turistas que se rexistran, tras dous anos de pandemia.

Os datos do aeroporto Rosalía de Castro indican que este ano se recibiu un 70% máis de viaxeiros que no último ano Santo, 2012, e este maio foi o mellor da historia do aeródromo.

Do mesmo xeito, os datos tamén melloran os de antes de pandemia, cun 17% máis de usuarios que en 2019. De cada tres viaxeiros que chegan a Galicia por avión, explicou Sánchez Bugallo, dous fano a Santiago.

Do mesmo xeito, Sánchez Bugallo falou dun "notable incremento" --de arredor do 80%-- nos usuarios de tren, sobre todo desde a chegada do AVE. O problema neste medio de transporte, explicou o alcalde, é actualmente que "a demanda é probablemente superior á oferta de prazas", co que confiou en que a chegada dos trens Avril sexa máis importante por aumentar prazas que por acurtar tempos

Pola contra, os autobuses turísticos a Compostela experimentaron no mesmo período un descenso do 61%, informou Sánchez Bugallo. Entre o 1 de xaneiro e o 31 de maio chegaron a Santiago 2.727 autobuses con visitantes, fronte aos 7.046 do mesmo intervalo de 2019.

Esta ocupación, explicou o alcalde, está a ter efectos no "incremento de demanda" dalgúns sectores, como a restauración ou os servizos de taxi, que xerou algúns desaxustes nas últimas semanas por falta de efectivos suficientes.

Así mesmo, dixo, aínda que os datos de afluencia están a ser similares a 2010, "desde o punto de vista do gasto estamos nun escenario significativamente superior".

En relación á ocupación hoteleira, os "datos parciais" dos que dispón o concello --sen pisos turísticos--, sitúan a case un 59% de usuarios estranxeiros, fronte ao 52% que supuñan en 2019.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta