O PPdeG ve "satisfactorio" o encontro entre Rueda e Calviño, pero critica a "inconcreción" sobre os fondos europeos

Pazos denuncia "falta de vontade política" pola "demora escandalosa" da reunión entre o novo presidente da Xunta e Pedro Sánchez.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 13/06/2022 | Actualizada ás 15:20

Comparte esta noticia

O viceportavoz parlamentario do PPdeG Alberto Pazos celebrou o "satisfactorio" encontro mantido o venres entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a vicepresidenta primeira do Goberno, Nadia Calviño, aínda que criticou a "inconcreción" da mandataria estatal cos fondos europeos, xa que non comprometeu novas partidas.

A vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos do Goberno central, Nadia Calviño, comparece ante os medios de comunicación xunto co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, no Pazo de Raxoi, a 10 de xuño de 2022, en Santiago
A vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos do Goberno central, Nadia Calviño, comparece ante os medios de comunicación xunto co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, no Pazo de Raxoi, a 10 de xuño de 2022, en Santiago | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

O viceportavoz dos populares cualificou de "sorprendente" que a tamén ministra de Asuntos Económicos recoñecese que o plan de recuperación presentado por España ante a Unión Europea "está feito para Galicia", aínda que "foxe de concretar achegas" para o territorio galego.

Este encontro, que consistiu nunha comida de traballo no Hostal dos Reis Católicos e unha posterior comparecencia conxunta de Rueda e Calviño, "o único que fixo foi incrementar" a "preocupación" do PPdeG ao "apoio que o Goberno de Pedro Sánchez poida mostrar" aos proxectos galegos presentados.

En concreto, o presidente da Xunta reclamou na súa reunión coa vicepresidenta económica fondos para as plantas de Stellantis e Showa Denko en Vigo e A Coruña, así como para a posta en marcha da fábrica de fibras téxtiles que impulsará Altri en Palas de Rei (Lugo). Con todo, Rueda cualificou o encontro --na rolda de prensa posterior-- como "satisfactorio" e transmitiu o seu "optimismo".

Preguntado sobre se estas palabras do mandatario galego non contradín as críticas vertidas este luns polo partido, o viceportavoz parlamentario subliñou que están "encantados" que a señora Calviño visite Galicia, porque os ministros serán "ben recibidos", pero "outra cousa é criticar a inconcreción dos anuncios desa visita".

"Non serei eu o que poña en dúbida a cualificación do presidente da Xunta sobre o encontro. Claro que é satisfactorio, outra cousa é que non haxa concreción", insistiu Pazos, posto que aínda que a vontade de apoio do Goberno central "é de aplaudir", ao PPdeG gustaríalle que isto "viñese acompañado de feitos" e "de fondos europeos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta